A flota cefalopodeira volverá mobilizarse logo de reclamar compromisos aos políticos

Marín
24 de abril 2013

Os afectados, que acudiron a Santiago e Madrid xunto a unha representación da CIG-Mar, acordarán novas mobilizacións en asemblea. Unha representación dos mariñeiros da flota cefalopodeira galega afectada pola falta de acordo con Mauritania e da CIG-Mar mantiveron xuntanzas cos portavoces de pesca dos catro grupos representados no Parlamento Galego e co secretario xeral de Pesca do Goberno en Madrid para abordar a "dramática situación" que viven tras nove de paro obrigatorio

Unha representación dos mariñeiros da flota cefalopodeira galega afectada pola falta de acordo con Mauritania e da CIG-Mar mantiveron xuntanzas cos portavoces de pesca dos catro grupos representados no Parlamento Galego e co secretario xeral de Pesca do Goberno en Madrid para abordar a "dramática situación" que viven tras nove de paro obrigatorio. Ao mesmo tempo, denunciaron a falta de presión política do Goberno español ante a Unión Europea e o abandono do sector por parte da Xunta.

O secretario nacional da CIG-Mar, Xabier Aboi, explicou que aproveitaron a xuntanza deste martes no Parlamento galego para "trasladarlles o que está a suceder nestes últimos meses e reclamarlles un compromiso político que pase pola intervención do presidente da Xunta e do Goberno español no conflito". Do contrario, alertan de que Bruxelas "vai a seguir perdendo o tempo e mareando a cuestión co tema dos estudos biolóxicos".

Esta cuestión tamén foi abordada este mércores co secretario xeral de Pesca en Madrid, quen lles confirmou que se produciu unha xuntanza en Bruxelas na que se acordou a convocatoria urxente da comisión científica e se adiantou a posibilidade de que se abra unha campaña experimental para comprobar o estado real do polbo no caladoiro mauritano na que participarían barcos galegos.

Ao mesmo tempo, reclamáronlle que o Goberno español exerza a presión política necesaria e que negocie directamente con Mauritania, "como temos constancia que están a facer os chinos para lograr un novo acordo, extremo que nos confirmou o propio responsable político".

Así mesmo, anuncian que nos vindeiros días manterán xuntanzas con todos os grupos políticos representados no Parlamento Europeo "e falaremos cos eurodeputados do Partido Comunista de Portugal para que apoien co seu voto a flota galega".

Finalmente, o venres 3 de maio celebrarán unha nova asemblea en Marín na que decidirán novas medidas de presión social que complementen o intenso traballo institucional que están a desenvolver "e que a Xunta non fai".

Arquivado en