A flota cefalopodeira sae hoxe á rúa para poder mañá sair ao mar

Marín
15 de febreiro 2013

A flota cefalopodeira convoca unha manifestación esta tarde en Marín para reclamar un novo acordo UE-Mauritania que lle permita traballar. Os afectados denuncian que foron expulsados do caladoiro mauritano mentres barcos chinos, rusos e holandeses seguen a faenar en augas africanas

Mariñeiros e armadores da flota cefalopodeira galega convocan unha manifestación hoxe venres día 15 en Marín para reclamar un novo acordo pesqueiro da UE con Mauritania que lles permita traballar no caladoiro do país africano. A marcha, que conta co apoio de numerosas organizacións sindicais, políticas e sociais, partirá da Alameda ás 20.00 horas.

A flota galega que foi expulsada de Mauritania está amarrada dende finais de xullo. Despois de varios meses, os afectados e as súas familias seguen a reclamar a negociación dun novo acordo pesqueiro da UE con Mauritania que permita o seu regreso a estas augas.

Os mariñeiros denunciaron en numerosas ocasións a falla de vontade política do Goberno e o desinterese da Xunta por defender un sector estratéxico para Galicia e do que dependen centos de empregos, tanto directos como indirectos.

Ao mesmo tempo, esixen o pago das axudas íntegras a todos os tripulantes polos meses que levan parados. A día de hoxe só 24 dos 114 afectados cobraron algunha cantidade despois de case medio ano sen traballo.

Tamén denuncian que os barcos de capital chino e bandeira mauritana seguen faenando libremente na zona e que os frigoríficos galegos lles están a mercar o polbo que eles non poden pescar dende o pasado verán.Trátase de embarcacións de até 140 metros de eslora, cando os barcos galegos non pasan de 40 metros.

Arquivado en