A votación que rexeitou o acordo pesqueiro que deixaba á frota cefalopodera galega fóra do acordo con Mauritania é considerado de xeito positivo polos mariñeiros pero alertan de que non é máis que un primeiro paso. O día 2 de xullo está previsto que se produza a votación no Parlamento Europeo. E non as teñen todas consigo.
O sindicalista da CIG, Xabier Aboi, indicou que esta primeira votación resultou positiva porque, segundo denuncia, a comisaria de Pesca, María Damanaki premeu para que os eurodeputados votasen a favor do acordo a través dunha carta. Ante esta presión, os eurodeputados reaccionaron en sentido contrario "ao consideralo indigno e por iso gañouse a votación por 10 votos", indica o representante sindical.
Dende o sector reclámase o rexeitamento do acordo ao Goberno local porque denuncian unha diferenza de prezos en relación con outras frotas como a rusa ou a chinesa.
Os tripulantes da frota sinalan que estarán a manter presión sobre os representantes políticos para que a votación no Parlamento resulte favorable aos seus intereses e o capitán José Ramón Silva critica o pouco respaldo que atopan na conselleira do Mar, Rosa Quintana.
En cambio, tanto Aboi coma os mariñeiros felicitaron o eurodeputado do Partido Popular, Gabriel Mato, polo traballo que estaba a desenvolver en defensa dos barcos cefalopoderos.
Na tarde deste xoves, os tripulantes da frota manterán unha asemblea na Biblioteca de Marín para ver que accións van emprender. Nos próximos días manterán entrevistas con eurodeputados portugueses.