No banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sentará o vindeiro xoves 20 de xuño un home como suposto autor dun presunto delito continuado de agresión sexual cara a outro home maior de idade.
A Fiscalía solicita unha condena de 12 anos de cárcere, seis anos de liberdade vixiada, con posterioridade á pena privativa de liberdade, e quince anos de inhabilitación especial para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídas, que conleve contacto regular e directo con persoas menores de idade.
Ademais, a Fiscalía tamén quere que se lle impoña ao procesado a prohibición de aproximarse a menos de 500 metros da vítima, xa sexa ao seu domicilio ou a calquera outro lugar no que esta se atope. Tamén se interesa a prohibición de comunicación a través de calquera medio, xa sexa directo ou indirecto, durante un período de quince anos.
En concepto de responsabilidade civil, reclama que o acusado abone unha indemnización de 30.000 euros polos danos morais ocasionados.
O Ministerio Público pediu que o xuízo se celebre a porta pechada para protexer os dereitos fundamentais da vítima.
Os feitos denunciados ocorreron entre 2005 e 2017 en varias localizacións distintas, entre elas o domicilio do acusado, situado no partido xudicial de Vilagarcía.