A Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra solicitou recentemente que se elabore un novo informe para seguir aclarando os feitos denunciados no caso Elsamex, aberto para investigar as supostas irregularidades nas prórrogas do contrato municipal de mantemento de parques e xardíns. O informe xa se solicitou hai uns días, pero non transcendera ata este xoves. Tampouco se deron a coñecer detalles do documento solicitado.
Dentro deste caso, cuxa investigación leva o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, a intención é axilizar canto antes a práctica de todas as dilixencias. Ademais, nas últimas semanas preguntouse ao Partido Popular, como denunciante inicial do caso, se quere manterse como acusación particular no mesmo. Os 'populares' si queren continuar adiante.
O caso Elsamex chegou ao xulgado en setembro de 2015 remitido desde a Fiscalía de Pontevedra e o xuíz instrutor, Xermán Varela, admitiuno a trámite dous meses despois. Nos tres últimos meses practicáronse varias dilixencias, entre elas a toma de declaración duun enxeñeiro técnico do departamento de Parques e Xardíns ou as dúas funcionarias municipais que redactaron o prego de condicións do concurso para adxudicar o servizo de mantemento de parques e xardíns aberto no ano 2014, e do que en xullo de 2015 resultou adxudicataria unha empresa diferente, Cespa.
O xuíz xa reclamou diversa documentación ao Concello de Pontevedra, tales como información sobre as actuacións concretas que seguiron aos acordos da Xunta de Goberno do 30 de xaneiro de 2012 e 29 de xaneiro de 2013 nos que se ordenaba o inicio do expediente de contratación do servizo, trámite este que permaneceu dous anos parado, o que motivou dúas prórrogas do contrato previo. Tamén documentación relativa a esas Xuntas de Goberno e a explicación das competencias de cada departamento municipal, asi como información de que concelleiro tiña competencias, xa fosen propias ou delegadas, para o impulso desa contratación do mantemento de parques e xardíns desde outubro de 2011.
Toda a investigación partiu dunha denuncia do PP de Pontevedra e, tras estudala na Fiscalía e chegar ao xulgado, o xuíz concluíu que os feitos denunciados "poderían constituír un delito de prevaricación", pero que é "necesario aclarar diversos extremoso dos feitos que permitan valorar de forma completa o sucedido e así concluír, ou non, na existencia de indicios máis específicos". Entre tanto, non é posible imputar ningún delito a unha persoa concreta.