A Fiscalía Provincial de Pontevedra interpuxo este venres recurso de casación ante o Tribunal Supremo pedindo que a empresa Audasa sexa condenada, ao entender que cobrou as peaxes da AP-9 de xeito abusivo durante as obras de ampliación da ponte de Rande, entre febreiro de 2015 e xuño de 2018.
A Fiscalía sae ao paso da sentenza da Sección Primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra, que estimou o recurso de Autoestradas do Atlántico, revogando a sentenza do Xulgado do Mercantil 1 desta mesma capital, que condenaba á concesionaria da AP-9 a indemnizar aos prexudicados por un total de 81 incidencias que se produciron durante as obras, que se rexistraron durante os tres anos que duraron os traballos.
Nun comunicado a Fiscalía Provincial explica que no seu recurso solicita que a Sala do Civil do Tribunal Supremo, por interese casacional, anule a sentenza recorrida da Audiencia de Pontevedra, "deixándoa sen efecto e dite outra no sentido proposto na demanda orixinal".
O pasado 19 de abril a sección primeira da Audiencia de Pontevedra estimou o recurso de apelación interposto por Audasa ao entender que as concesionarias de autoestradas non teñen que rebaixar o prezo das súas peaxes se non poden garantir unha fluidez no tráfico propia das vías de alta capacidade.
O tribunal provincial concluíu que non poden incluírse no concepto de "prácticas abusivas" as incidencias relacionadas co cumprimento do contrato de uso da autoestrada, e considera que non existe unha relación directa entre o pago da peaxe e as condicións nas que se presta o servizo.