Durante o ano 2012 os fiscais da Audiencia Provincial de Pontevedra tramitaron 152 procedementos relacionados con delitos de incendios forestais. A cifra non supón unha gran variación con respecto aos incoados durante o ano anterior, pero todo parece indicar que experimentará un crecemento cando se pechen as estatísticas deste ano 2013. A previsión realizouna este venres o fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, durante a presentación da memoria anual da institución ao asegurar que "tengo la sensación de que en 2013 van a aumentar".
Aladro equiparou o escenario dos incendios forestais de 2013 co que se presentou hai sete anos. "Este año ocurre algo parecido a la vaga de lumes de 2006", sinalou e enumerou como trazos similares a calor, as altas temperaturas e o vento de nordés que houbo en Galicia en agosto e setembro.
O fiscal xefe sinalou que dos 152 procedementos por incendio tramitados o ano pasado, 11 remataron cualificados por delito polos fiscais pontevedreses e que durante o ano se rexistraron 14 sentenzas condenatorias contra responsables destes delitos contra o medio. Esta escasa porcentaxe de delitos que remataron en condena fronte aos que se investigaron débese, seún Aladro, que son unha modalidade delituosa de "especial dificultad de investigación" e que resultan moi difíciles de demostrar.
"Desde el punto de vista de la investigación del delito es la más compleja que yo he visto", sinalou e fixo referencia a que son unha modalidade delituosa que ten "demasiado espectro en sus autores". Así, a maioría dos delitos por incendios forestais teñen un carácter imprudente por queimas incontroladas que se fan sen permiso ou en días non adecuados e entre os delitos dolosos hai dende aqueles que buscan ampliar os pastos aos que se moven por vinganza e as persoas con minusvalidez intelectual ou algún tipo de enfermidade pirómana.
Aladro e Carmen Novo reactivarán a investigación xudicial da desaparición de Sonia Iglesias
O fiscal xefe indicou que os dous delitos que máis volume de actividade xeraron durante o ano 2012 foron os de violencia de xénero e doméstica e os de tráfico. En materia de violencia de xénero no último ano produciuse un pequeno descenso dos asuntos que chegan á Fiscalía. Aladro non encontra unha "razón lógica", pero interpreta que "quizás se podría valorar en que la ley está más asentada".
En relación coa violencia de xénero, fixo referencia ao caso aberto para aclarar a desaparición de Sonia Iglesias en agosto de 2010, que acaba de regresar ao xulgado específico de violencia sobre a muller. Ao respecto, anunciou que tanto el coma a tenente fiscal, Carmen Novo, tratarán de reactivar a investigación agora que se aclarou a competencia xudicial do caso e que "vamos a tratar de reiniciar algunas gestiones".
A memoria da Fiscalía 2012 recolle que "no se advierte un excesivo crecimiento de los ilícitos en esta provincia". As estatísticas recollen unha diminución dos delitos contra a vida (cun 34% menos casos), as lesións (28,38%), os delitos contra a liberdade (24,24%), os roubos con forza (11,60%), os danos (50%), os delitos contra a propiedade intelectual e industrial (4,8%), os delitos contra a administración de xustiza (12,09%), o branqueo (17,24%) e a violencia doméstica (16,37%).
A actividade da Fiscalía viuse incrementada no resto de modalidades delituosas. O principal crecemento rexistrárono os delitos de roubo con violencia ou intimidación, cun 31,89% máis de asuntos. Tamén aumentaron os delitos contra a liberdade sexual (19,35%), os delitos contra as relacións familiares (9.60%), os furtos (1,21%), os roubos na casa habitada aumentan un (21,31%), os roubos e furtos de uso (41,17%), as estafas (14,54%), o tráfico de drogas (22%), os delitos contra a administración pública (7,95%) e a receptación (17,24%).