A Fiscalía pide seguir investigando seis meses máis a suposta prevaricación das obras de Pasarón

Pontevedra
10 de novembro 2014

A petición dos fiscais de Delitos Económicos Agusto Santaló e Jesús Calles, o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, asinou un escrito dirixido á Fiscalía Xeral do Estado para pedir unha prórroga para seguir investigando a denuncia polo sobrecoste da reforma do estadio, unha vez que está a punto de esgotarse o prazo inicial de seis meses para toda investigación da Fiscalía

Estadio de fútbol de Pasarón
Estadio de fútbol de Pasarón / Mónica Patxot

A Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra quere máis tempo para seguir traballando na investigación por presunta prevaricación aberta polos sobrecostes da reforma do estadio de Pasarón. O prazo inicial de seis meses que ten o Ministerio Público para estudar unha denuncia -neste caso, a formulada polo concelleiro do PSdeG-PSOE de Pontevedra Agustín Fernández a título particular- está a punto de esgotarse e pediu unha prórroga de seis meses máis.

A petición dos fiscais de Delitos Económicos Agusto Santaló e Jesús Calles, o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, asinou un escrito dirixido á Fiscalía Xeral do Estado para pedir esa prórroga.

O propio Santaló confirmou este luns que o escrito se remitiu á Fiscalía Xeral o venres pasado, pero rexeitou achegar detalles sobre este ou sobre os motivos que levaron os fiscais a pedir máis tempo para seguir investigando.

Na investigación polo sobrecusto de Pasarón os fiscais que se encargan do caso xa tomaron declaración ao presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e oito deputados e ex deputados do PP que o acompañaron en anteriores etapas como membros da Comisión de Goberno da institución provincial: Xosé Crespo, José Enrique Sotelo, Chema Figueroa, Teresa Pedrosa, Jesús María Vázquez Portela, José Balseiros, Salvador González Solla e José Juan Durán.

A noticia sobre esta petición de prórroga dáse a coñecer ao mesmo tempo que outra vinculada coas obras de Pasarón. Nos últimos días a xuíza instrutora da trama de facturas falsas do grupo empresarial 'Las Cinco Jotas' decidiu abrir xuízo oral contra a construtora Oreco, empresa encargada da reforma do estadio.

Oreco está involucrada nunha das pezas separadas da trama e irá a xuízo por presuntos delitos de falsificación e contra a Facenda Pública tras detectar a xuíza que entre os anos 2006 e 2008 Oreco tería recibido dez facturas da empresa Las Cinco Jotas por traballos que supostamente non se realizaron, correspondendo dúas delas á construción de Pasarón.

Estas facturas referidas ao estadio teñen a mesma data e foron emitidas por dúas das sociedades do grupo investigado co concepto de traballos de albanelaría e de recollida e limpeza á conclusión dos partidos durante un período de seis meses.