A Fiscalía pide oito anos de cárcere para un vilagarcián acusado de exhibirse ante tres menores

O Salnés
13 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A sección segunda da Audiencia de Pontevedra sinalou para este vindeiro martes, 16 de abril, o xuízo contra un veciño de Vilagarcía acusado dun delito de abuso sexual 

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

Logo de varias suspensións a sección segunda da Audiencia de Pontevedra volveu sinalar para o vindeiro martes, 16 de abril, o xuízo contra un veciño de Vilagarcía acusado dun delito de abuso sexual a menores.

A Fiscalía solicita que sexa condenado a oito anos de prisión polos presuntos abusos e agresións sexuais que cometería en abril de 2021 contra tres menores de idade, nun lugar público. 

O escrito de acusación da Fiscalía pide un ano de prisión por abuso sexual a unha menor de 13 anos e a outros catro por anos polo mesmo delito a unha menor de 16. Ademais, por tres delitos de exhibicionismo pide outro ano e medio de prisión e tamén solicitan 19 meses e 15 días de prisión por un delito de lesións.

Complementariamente o Ministerio Público reclama para o procesado cinco anos de liberdade vixiada e a súa inhabilitación durante 14 anos para calquera profesión ou oficio, retribuído ou non, que conleve contacto regular e directo con menores de idade. 

Tamén que se impoña ao acusado a prohibición de aproximarse a unha da tres menores, ao seu domicilio ou aos lugares que frecuente a unha distancia non inferior a 100 metros e a de comunicarse con ela ou por calquera medio por un período de dez anos. E a mesma prohibición por dous anos para as outras menores implicadas.

Finalmente, o Ministerio Público reclama o pago dos gastos sanitarios orixinados ao Sergas e dunha indemnización a unha das menores de 12.114 euros, polas secuelas e danos morais.