O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra un quiromasaxista de Caldas de Reis para o que a Fiscalía pide unha condena de 2 anos de prisión por abusar sexualmente dunha peregrina de orixe hondureño.
Segundo relatou a denunciante durante a vista oral, cando estaba a facer o Camiño de Santiago solicitara os servizos deste masaxista para aliviar as molestias que sentía nas pernas e as costas. Cando acudiu á clínica deste quiromasaxista ela desvestiuse quedando unicamente coas bragas postas. Ao principio, segundo relatou a muller, "no había nada fuera de lo normal" pero logo el introduciulle o dedo polgar na boca esgrimindo uns supostos problemas na mandíbula e "de ahí empezó a tocarme los pechos".
A muller explicou no xuízo que nese momento "empecé a pensar que era algo muy raro" e sinalou que "estaba muy nerviosa" e que "tenía temor a que pasara algo más". Entón o masaxista "me metió las manos por debajo de calzón" e pediulle que tamén se baixase as bragas, ao que ela negouse dando o home por concluída a sesión. Mentres ela estábase vestindo el comentoulle que "tenía unos pechos muy bonitos".
Ao saír da clínica a muller dirixiuse a outros peregrinos que estaban na zona para facer crer a este home que ela estaba acompañada e evitar que a seguise, tal e como narrou ante o plenario. Logo contou a outras peregrinas o que lle sucedía e estas recomendáronlle que acudise á Garda Civil.
Ao día seguinte, cando retomaba a súa peregrinación topouse cunha patrulla da Benemérita, que, curiosamente, participaba nun dispositivo de localización doutra persoa por unha denuncia de agresión sexual. Esta peregrina aproveitou para relatar aos axentes o que lle ocorrera o día anterior e logo acudiu ás dependencias do Instituto Armado a formalizar a denuncia.
Ese día ao chegar a Padrón, no hostal onde se aloxaba contou tamén o sucedido aos responsables do establecemento e a outros hóspedes cando empezaron a preguntarlle polo que lle pasaba ao vela "temblando y llorando", tal e como apuntaron hoxe as testemuñas. Os donos do hostal identificaron o masaxista porque "ya había rumores de que tenía la mano muy larga".
Pola súa banda o acusado negou a autoría dos feitos asegurando que "yo soy inocente" e tratou de descualificar á denunciante pola súa "gran capacidad teatral para fingir y ponerse en esa situación pareciendo creíble". Tamén indicou que sentía "totalmente indefenso" e que se expón deixar o seu traballo porque "estoy a merced de lo que pueda decir cualquier persona".
Ademais declarou que "es la primera vez que tengo un problema así", con todo o fiscal desvelou que o pasado 22 de xaneiro tivo outro xuízo en Caldas de Reis "por una denuncia similar".
A Fiscalía atopa "creíble y verosímil" a declaración da denunciante polos detalles que achega en todo o seu relato e que ve "corroborados por otras fuentes de prueba". Pola súa banda, a avogada da acusación particular eleva a 4 anos a súa petición de condena e sinala como "plenamente acreditada" a versión da vítima pola súa "narración impecable" que ofrece un "testimonio coherente y sin contradicciones" polo que non lle cabe "ninguna duda" sobre o feito de que o acusado "sobrepasó su función profesional".
O letrado da defensa pide a libre absolución do seu patrocinado ao esgrimir que no testemuño da muller "existen contradicciones y son importantes" e sostén que se se condena ao seu cliente "su vida estará sentenciada" xa que "aparecerá en un registro donde dice que es un delincuente sexual".
Ademais da pena de dous anos de prisión a Fiscalía tamén pide a inhabilitación especial durante cinco anos como condenado por un delito sexual.