A Fiscalía pide cinco anos de condena para un home acusado de abusar dunha muller mentres estaba durmida

Pontevedra
06 de febreiro 2022

Ademais da pena de cinco anos de prisión, a Fiscalía solicita ao tribunal que impoña ao procesado a prohibición de comunicarse por calquera medio ou achegarse a menos de cen metros da vítima por sete anos e tamén reclama outros tres anos máis de liberdade vixiada nos que non poderá achegarse nin comunicar con esta muller por leste mesmo espazo de tempo

Unha patrulla da Policía Nacional diante da Audiencia Provincial
Unha patrulla da Policía Nacional diante da Audiencia Provincial / PontevedraViva

A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves 10 de febreiro o xuízo contra un home para o que a Fiscalía solicita unha condena de cinco anos de cárcere por abusar sexualmente dunha muller mentres esta durmía. 

O escrito de acusación do Ministerio Público relata que este home, na madrugada do 11 ao 12 de agosto de 2020, estivo no domicilio da vítima, en Pontevedra. Despois de estar ambos vendo a televisión, a muller quedou durmida vestindo un vestido curto, un short e bragas, estando tapada por unha saba.

Segundo o relato da Fiscalía, ao espertarse, a muller comprobou como o acusado tiña a man metida pola súa roupa interior e introducíalle os dedos na vaxina. Ela pediulle que se apartase, pero como o acusado non cesaba na súa actitude tívose que levantar para que parase. A continuación díxolle que se fose, marchándose este do seu domicilio.

Ademais da pena de cinco anos de prisión, a Fiscalía solicita ao tribunal que impoña ao procesado a prohibición de comunicarse por calquera medio ou achegarse a menos de cen metros da vítima por sete anos e tamén reclama outros tres anos máis de liberdade vixiada nos que non poderá achegarse nin comunicar con esta muller por este mesmo espazo de tempo.

Como indemnización reclama 6.000 euros.

O autor xa foi condenado por feitos que non afectan a esta causa a efectos de reincidencia.