A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou este xoves visto para sentenza o xuízo contra un home acusado de abusar sexualmente dunha persoa con discapacidade intelectual.
Nas súas conclusións o fiscal ratificou a súa petición inicial de 25 anos de cárcere para o procesado e pide tamén que se lle impoña unha orde de afastamento da vítima durante 25 anos, ademais de liberdade vixiada por tempo de 9 anos, que lle prohiba acudir a eventos ou acontecementos públicos destinados a menores de idade, entre outras penas. Ademais, pídese que o acusado pague 25.000 euros por danos morais. Este home ten antecedentes penais aínda que non son computables a efectos de reincidencia.
Concretamente a Fiscalía considera ao acusado "autor responsable" de dous delitos de abuso sexual con acceso carnal sobre persoa con discapacidade e un delito continuado de abuso sexual con acceso carnal sobre persoa con discapacidade. O caso procede do Xulgado de Instrución nº 3 de Cangas.
O acusado é o pai do noivo da vítima, ambos os mozos parecen un trastorno de espectro autista e coñecéronse nun centro que atende a persoas con discapacidade intelectual.
O acusado declarouse inocente e mesmo asegurou descoñecer que o seu fillo e a noiva tivesen algún tipo de discapacidade alegando que se decatou por mor da denuncia. Ademais, dixo ao tribunal que a nova lle denunciou porque "está a encubrir algo ou a alguén, por agarimo ou porque non quere facerlle dano".
Este home explicou que é mariñeiro e que de domingo a venres traballa nun barco que faena no mar Cantábrico. Engadiu que no últimos dez anos vive xunto á súa parella, quen durante o xuízo dixo non ver nada relacionado cos feitos que imputan ao seu compañeiro.
A continuación declarou a vítima a porta pechada repetindo a mesma versión dos feitos que durante estes anos deu ante a Garda Civil, o xulgado de instrución, as psicólogas do centro onde estuda e as do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA).
Segundo sinalou o fiscal xefe Juan Carlos Aladro o relato da vítima é "coherente, lógico, sólido y bastante preciso" polo que concluíu que "tenemos prueba bastante para que no exista la menor duda en favor del reo".
O fiscal considera probado que, entre os anos 2015 e 2019, o acusado "conocedor del trastorno" que padecía a moza "la manipuló" para manter relacións sexuais con ela co pretexto de que ía "enseñarle". Os abusos producíanse durante as fins de semana cando a moza acudía a casa do seu noivo.
Estes feitos descubríronse por mor de que a moza acudise ao xinecólogo por contraer unha enfermidade de transmisión sexual, algo que causou alarma na súa contorna ante o reducido círculo de persoas coas que convive.
Segundo as forenses do Imelga a vítima ten un atraso mental moderado e un trastorno xeneralizado do desenvolvemento que limita de forma grave as súas capacidades intelectivas e volitivas ante unha relación sexual non desexada. "Capacidad para determinarse sexualmente si que tiene pero no para comprender sus consecuencias de facto", explicou unha das psicólogas.
Ademais estas profesionais concluíron no seu informe que non observaron na vítima unha motivación secundaria polo feito de denunciar ao pai da súa parella, nin razón expuria ou de vinganza.