A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro martes 12 de decembro un xuízo por un delito de agresión sexual con penetración.
A Fiscalía pide para o acusado a pena de 12 anos de prisión, a pena de 12 anos de inhabilitación absoluta e 10 anos de liberdade vixiada.
Ademais tamén solicita que se lle impoña ao procesado a prohibición de aproximación a menos de 500 metros á vítima, ao seu domicilio, lugar de estudos ou calquera lugar no que esta se atope e a prohibición de comunicación con ela por calquera medio directo e indirecto durante un período de 22 anos.
En concepto de responsabilidade civil, a Fiscalía considera que este individuo debe indemnizar á denunciante con 210 euros polas lesións sufridas e 20.000 euros polo dano e prexuízo moral sufridos.
Este caso procede do Xulgado de Instrución número dous de Vilagarcía.
Segundo o relato dos feitos que recolle o escrito de acusación da Fiscalía, o acusado, un cidadán de Paraguai, residente legal en España e sen antecedentes penais, sobre as 6:30 horas do 6 de xuño de 2021, acudiu a unha vivenda de Vilagarcía de Arousa onde estivo reunido cuns amigos e coñecidos, entre os que se atopaba unha moza coa que estivo a charlar e consumindo bebidas alcohólicas.
A unha hora indeterminada, durante as primeiras horas da mañá, esta muller, que consumira moito alcol, subiu a unha das habitacións da casa para durmir, xa que se atopaba moi cansa, e sen sequera chegar a quitarse a roupa que levaba caeu nun soño profundo.
O Ministerio Público sostén que pouco despois o acusado "subiu tamén á mesma habitación e deitouse na cama coa muller, e nun momento dado, con ánimo libidinoso, espiuse e, actuando sen o consentimento dela, empezou a tocarlle o peito, os glúteos e a zona xenital, a pesar de que ela, aínda adormecida, retiroulle varias veces as mans".
Entón o procesado agarrouna fortemente polos brazos, separoulle a braga e penetrouna vaxinalmente. Nese momento a moza espertou empuxando o procesado e saíndo da habitación para pedirlle axuda a unha amiga.
Como consecuencia do anterior, a moza sufriu varios hematomas nun antebrazo e nas coxas.