A Fiscalía pedirá a outras administracións máis documentación sobre as obras de Pasarón

Pontevedra
24 de outubro 2014

Sen esconderse, camiñando ante as cámaras e rodeado de oito deputados e ex deputados do PP que o acompañaron en anteriores etapas como membros da Comisión de Goberno da Deputación. Así entrou Rafael Louzán nos xulgados, media hora antes da cita e moi tranquilo. Á saída si esquivou a prensa saíndo pola porta traseira

José Crespo, Enrique Sotelo e Luis Serantes (secretario de organización do PP provincial), á saída dos xulgados
José Crespo, Enrique Sotelo e Luis Serantes (secretario de organización do PP provincial), á saída dos xulgados / Mónica Patxot

Sen esconderse, camiñando ante as cámaras e rodeado de oito deputados e ex deputados do PP que o acompañaron en anteriores etapas como membros da Comisión de Goberno da Deputación Provincial de Pontevedra. Así entrou este venres o presidente provincial, Rafael Louzán, nos xulgados da Parda. Estaba citado ás 10.00 horas para declarar en calidade de investigado ante a Fiscalía da Audiencia Provincial na investigación por presunta prevaricación aberta polos sobrecustos da reforma do estadio de Pasarón, pero media hora antes, pasadas as 9.35 horas entraba acompañado dos outros oito citados.

Non transcenderon detalles concretos do que todos eles dixeron nas dependencias da Fiscalía (ningún se ativo ao seu dereito a non declarar), pero si que o Ministerio Público non quedará só co dito para seguir investigando os sobrecustos denunciados no mes de maio a título persoal polo concelleiro socialista de Pontevedra Agustín Fernández.

O fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, explicou que están a estudar citar a declarar a máis persoas en relación con estas indagacións. Aínda non decidiron a quen, pero queren que pasen pola Parda todas as persoas que puideron participar en reunións da Xunta de Goberno da Deputación nas que se tomaron decisións que puideron influír nos tres reformados do proxecto de reforma de Pasarón, que pasaron de licitarse á empresa Oreco por 7,2 millóns de euros a custar 18 millóns.

As obras son froito dun convenio a tres bandas entre a Deputación, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra, pero os fiscais de Delitos Económicos que levan a investigación e o fiscal xefe que a dirixe decidiron chamar a declarar a representantes da Administración provincial porque era a encargada principal do proxecto,"adjudicadaba, pagaba y soportaba el gasto principal", segundo explicou Aladro, e todo iso se decidía nas Xuntas de Goberno.

Louzán fixo a declaración máis longa -hora e media- e falou ante tres fiscais, Augusto Santaló, Jesús Calles e Juan Carlos Aladro

A pesar de que ve que as responsabilidades poden estar na Deputación, Aladro anunciou que se pedirá documentación a maiores (xa pediu informes previamente) a outras administracións, entre as que non está o Concello de Pontevedra.

Unha vez que tome declaración a quen poidan ter algunha responsabilidade nas decisións adoptadas e analice toda a documentación, Aladro e todos os fiscais adscritos a Delitos Económicos decidirán se xudicializan o caso ou arquivan as dilixencias, pero o fiscal xefe xa aclarou que prevé que as xestións non se prolonguen demasiado. As investigacións da Fiscalía deben facerse nun prazo de seis meses e, neste caso, non prevén esgotalo, saberase en "no mucho" a decisión.

Aquela estampa de primeira hora da mañá non se repetiu ao remate das declaracións, que se deron por concluídas arredor das 14.30 horas da tarde, pero foran graduadas e os nove investigados abandonaron o edificio xudicial por separado. Chegaron a bordo dun Audi e un Mercedes e este último permaneceu aparcado ata última hora na parte traseira do edificio, pero o Audi viviu un continuo ir e vir para trasladar ao presidente e os deputados a medida que ían rematado a súa cita coa Fiscalía de Delitos Económicos.

Os fiscais chamarán a declarar a todos os que puideron tomar algunha decisión sobre o proxecto

O primeiro en declarar e, polo tanto, en irse foi Louzán. A súa declaración foi, segundo o fiscal xefe, a máis longa e produciuse ante os fiscais de Delitos Económicos Agusto Santaló e Jesús Calles e ante o fiscal xefe (os outros oito só ante Santaló e Calles). Prolongouse durante hora e media e, ao rematar, foise da Parda pola porta traseira, esquivando aos medios de comunicación, que ás 11.40 horas da mañá eran moito máis numerosos que á súa chegada.

Dentro quedaron o resto dos deputados, que, no seu caso, xa saíron pola porta dianteira ao non haber practicamente medios de comunicación agardando a saída (ás 12.00 horas foran citados por Rafael Louzán para unha comparecencia na que deu a coñecer os detalles da súa declaración.

O actual vicepresidente e alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e o alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, foron os primeiros en rematar e irse, antes das 13.00 horas. Pouco despois, sobre as 13.30 horas, facían o propio o tamén vicepresidente e líder do PP en Vigo Chema Figueroa e o ex vicepresidente e actual presidenta da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa. Os últimos en deixar a biblioteca da Fiscalía na que se realizaron as declaracións e o edificio xudicial foron os alcaldes do Roseira (Jesús María Vázquez Portela), Cerdedo (José Balseiros) e Ponteareas (Salvador González Solla ) e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán.