A Fiscalía mantén a súa petición de cinco anos de prisión por branqueo para Marcos Vigo e a súa irmá

Pontevedra
18 de xuño 2015

A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra decidiu prolongar un día máis o xuízo contra Marcos Vigo Fernández e a súa irmá Marta na causa por branqueo de capitais pola que están acusados

Marcos Vigo na Audiencia de Pontevedra
Marcos Vigo na Audiencia de Pontevedra /

A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra decidiu prolongar un día máis o xuízo contra Marcos Vigo Fernández e a súa irmá Marta na causa por branqueo de capitais pola que están acusados.

Así o próximo mércores día 24 de xuño ás doce da mañá se retomará a vista oral coa exposición dos informes das partes. Aínda que o fiscal, Augusto Santaló xa adiantou que eleva a definitivas a súa conclusións mantendo a solicitude de cinco anos de prisión para cada un dos irmáns e o pagamento dunha multa de case seis millóns de euros, así como o comiso e adxudicación a favor do Estado de dous terreos en Vilagarcía e unha nave industrial en Ribadumia.

Durante a segunda sesión do xuízo os peritos acapararon o protagonismo coas súas complexas explicacións técnicas sobre os movementos económicos xerados polos irmáns Vigo Fernández entre os anos 1997 e 2003.

Nese lapso de tempo, segundo o representante do Ministerio Público, os acusados terían branquexado 256.000 euros procedentes do narcotráfico.

Unha das peritos que compareceu ante a Sala durante tres horas e media, mantivo un duro enfrontamento co coñecido avogado Jaime Sanz de Bremond, que representa a Marcos Vigo.

Os argumentos desta perito xudicial enfadaron a este letrado que acabou protestando ante a maxistrada que preside o tribunal provincial ao entender que se estaban a vulnerar os dereitos do seu cliente a ter un procedemento coas debidas garantías ou a solicitar as probas que se consideren pertinentes.

O xuízo retomarase o próximo mércores.