Este martes 11 concluía a vista oral na Audiencia de Pontevedra contra catro acusados por tráfico de drogas por un delito contra a saúde pública, resultado dunha operación conxunta realizada pola Policía Nacional e a Garda Civil baixo o nome de 'Operación Vieira - Arena Negra'. O Ministerio Fiscal incrementou a petición de pena de prisión para tres dos catro imputados aos que se lles interveu en Avilés con dous quilos de cocaína.
Mantén a petición de nove anos de cárcere para F.S., veciño de Vilagarcía ao que se lle confiscou no seu domicilio a cantidade de 1,3 millóns de euros; mentres que para o outro vilagarcián que presuntamente interveu como condutor se incrementa a petición de seis anos e medio nun ano máis. Tamén os outros dous imputados, que no momento dos feitos eran parella e residían en Marín, ven aumentada a solicitude de pena de seis anos e tres meses no caso da muller a sete anos e medio, mentres que JS, que recoñeceu a súa participación nos feitos na primeira xornada da vista oral ao que se lle pedía sete anos tamén ve aumentada en seis meses a petición de pena de cárcere.
Pablo Varela, fiscal antidroga, xustificou a súa decisión indicando que ese recoñecemento de participación de JS realizado no inicio do xuízo non era unha confesión senón unha versión interesada que cambia o feitos obxecto da acusación.
Durante a sesión deste martes prestaron declaración axentes da Policía Nacional, tanto da UDYCO de Pontevedra, como de Asturias, que mantiveron o seguimien cando se comprobou que o vehículo que transportaba a droga chegaba á ponte de Ribadeo, lugar onde xa seguiron aos dous vehículos ata un bar dun polígono industrial en Avilés, onde se realizaron as detencións ao comprobar a presenza da cocaína no interior do Audi.
Todos os axentes ratificaron o atestado e explicaron as vixilancias realizadas durante o operativo, que se desenvolvía na contorna da praza de Ravella coa vixilancia do domicilio de F.S. a partir da información facilitada por dous colaboradores da Policía Nacional. Segundo indicaron, tiñan coñecemento de que nesa vivenda vendíanse estupefacientes "en cantidades importantes" e, durante a tarde do 6 de xullo comprobaron como se iniciaba o traslado da droga desde Vilagarcía ata Asturias.
Os dous marinenses e o vilagarcián, os tres coñecidos doutras investigacións policiais, chegaron nesa xornada nun Citröen C5 ata a rúa na que reside F.S., detrás do Concello de Vilagarcía. A muller permaneceu no coche, mentres os dous acompañantes se reuniron inicialmente con F.S. e, segundo o relato dos axentes, a continuación portando unha bolsa marrón subiron a un Audi A5 no que realizaron a viaxe.
Segundo manifestaron os policías que realizaban a vixilancia, o vehículo que conducía a muller foi utilizado como lanzadeira e partiu en dirección a Avilés dez minutos antes de que o fixese o Audi no que viaxaban J.V. e J.S., vehículo no que se transportaba a cocaína escondida nunha caleta. Os axentes tamén admitiron que no rexistro da casa de F.S. en Vilagarcía non se detectou droga pero si anotacións en relación con entregas, ademais de 1,3 millóns de euros, que o acusado sinalou que era diñeiro gañado a través de negociar con criptomonedas o diñeiro herdado da súa avoa.
Os dous quilos confiscados na operación terían un valor no mercado ilegal de 222.784 euros.