A Memoria da Fiscalía Superior de Galicia relativa a 2021 sinala que a violencia machista creceu nos seus principais parámetros. Respecto de 2020, no 2021 aumentou o número de vítimas, o número de casos, o número de denuncias, o volume de cualificacións fiscais e as sentenzas ditadas.
Descendeu, segundo os datos da Fiscalía Superior de Galicia, o número de asasinatos e as ordes de protección solicitadas.
Este 2022 a Fiscalía Superior de Galicia quere facer fincapé na violencia machista que se está a dar entre a xente máis nova, dende a adolescencia e destaca que está é "unha tendencia que so se erradicará con educación, nos centros educativos e nos fogares, pero tamén na publicidade e no uso das novas tecnoloxías, que son tan utilizadas no día a día deste colectivo".
O número de vítimas ascendeu en 2021 a 6.219, o que supón un incremento interanual do 2,40%.
Segundo a estatística fiscal, foron incoados en 2021 un total de 6.777 procedementos penais por violencia de xénero, o que se traduce en novos casos, cun incremento interanual do 6,11%.
Cada día incóanse de media nos xulgados galegos 18,57 novos procedementos penais por violencia contra a muller
Cada día incóanse de media nos xulgados galegos 18,57 novos procedementos penais por violencia contra a muller. Unha realidade que ocupa boa parte do traballo dos fiscais, posto que a cuarta parte (20%) da actividade acusatoria do Ministerio Público en Galicia está centrada en supostos desta violencia; nomeadamente, de maltrato ocasional (40,76%), quebrantamento de medida cautelar/condena (22,64%), maltrato habitual (14,91%) ou ameazas (8,02%); cando non, tristemente, de asasinatos.
DENUNCIAS
En 2021 rexistráronse 6.259 denuncias formuladas, o que supón un aumento dun 2,66% respecto a 2020. Foron 162 máis, fronte ao descenso do 7,6% no ano anterior. Cifras que están por riba da cifra media de 6.110 no período 2015-2021.
Un total de 5.737 (o 91,66% dos casos) das denuncias concretáronse a través dun atestado policial, ben por denuncia da propia vítima (5.107), ben por denuncia dun familiar (116) ou por unha intervención policial directa (514)
Os informes médicos cristalizaron en denuncias nuns 155 casos, un 2,48% do total, e unhas 86 denuncias derivaron dos servizos de asistencia ou de terceiras persoas.
SENTENZAS DITADAS
En 2021 houbo 896 sentenzas ditadas, un elevado aumento do 40,83%, das que máis das tres cuartas partes (o 77,42%) foron condenatorias (as dous terceiras partes, por conformidade).
ORDES DE PROTECCIÓN
As ordes de protección e medidas cautelares en materia de violencia de xénero en Galicia ascenden a 1.784 solicitadas, das que foron adoptadas o 65,92%. Isto supón cun descenso interanual dun 11,20%, 225 menos. A maior parte delas foron solicitadas pola propia vítima, concretamente 1.710 (95,85% do total), coa seguinte resolución: 1.107 adoptadas, 593 denegadas e 10 inadmitidas.
Relación entre vítima e o denunciado nas ordes de protección e medidas cautelares: Exparella de feito (ex relación afectividade): 703 (39,41%); Parella de feito (relación afectividade): 557 (31,22%); Cónxuxe: 351 (19,67% de total de 1.784 solicitudes); Excónxuxe: 173 (9,70%).
Na provincia de Pontevedra foron solicitadas un total de 553 ordes de protección e medidas cautelares, cunha porcentaxe do 31% do total de Galicia (1.784), as cales foron resoltas da seguinte forma: 261 adoptadas, 285 denegadas e 7 inadmitidas.
O nivel de quebrantamento das medidas cautelares é relativamente alto e, por outra banda existe unha tendencia á reiteración desta condutas de incumprimento.
FEMINICIDIO
A Fiscalía de Galicia e a Fiscalía Xeral do Estado traballan día a día na loita contra a Violencia Machista e a través da Unidade Especializada de Violencia sobre a Muller. Un labor en continua progresión e innovación con importantes avances en varias frontes.
Avances tamén terminolóxicos, como o feito de que este ano por primeira vez a Memoria da Fiscalía Xeral do Estado usa o termo feminicidio para referirse ao asasinato e homicidio por razón de xénero, e tamén conceptuais como o feminicidio por extensión ou vinculado cando se cometen contra outras persoas do contexto máis íntimo da muller, como os pais, os fillos, a nova parella, a violencia vicaria, o que confirma á Fiscalía de Sala como unha ferramenta fundamental na loita machista.