O fiscal xefe da provincia de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, informou este luns que o Ministerio Público denunciou ao anterior goberno local de Pontevedra (BNG-PSdeG) por "irregularidades" nas prórrogas do contrato de parques e xardíns á empresa Elsamex.
O Partido Popular trasladara á Fiscalía unha serie de "irregularidades" no anterior contrato subscrito coa empresa Elsamex.
Aladro precisou que os feitos investigados poderían ser constitutivos dun delito contra a administración pública.
O fiscal xefe de Pontevedra lembrou que tivo que solicitar unha prórroga para poder atender a grande cantidade de documentación remitida por goberno local no que, ao seu xuízo, existen "irregularidades" que tamén "fueron advertidas" aos políticos polos técnicos municipais.
Para a elaboración da súa denuncia, Juan Carlos Aladro, tamén tomou declaración ao secretario xeral do Concello, á interventora, e a algúns funcionarios relacionado co caso.
Ademais requiriu documentación sobre o prego de condicións que rexeu o concurso para o mantemento das zonas verdes, que finalmente se adxudicou á empresa Cespa.
O mantemento das zonas verdes e xardíns do municipio foi adxudicado polo Concello en 2006 a Elsamex, por catro anos, coa posibilidade de introducir prórrogas por un máximo de dous anos máis. Con todo, superados todos os prazos o goberno local ampliou o contrato en varias ocasións máis cos informes técnicos en contra.
VALORACION DO GOBERNO LOCAL
"O Concello sempre defende o interese público", asegurou Raimundo González
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, que non tiña coñecemento desta decisión da Fiscalía afirmou que "o Concello sempre defende o interese público" e que "entendemos que non hai ningún tipo de ilícito penal".
O edil nacionalista lembrou que esta denuncia é "froito dunha xudicialización da vida política do Partido Popular" algo que lle parece que "non é positivo para o funcionamento da administración, nin para o desenvolvemento da actividade política".
Raimundo González lembrou que esta denuncia do Ministerio Público aínda ten que ir ao xulgado onde o xuíz decidirá se admite ou non esta denuncia e lembrou que "houbo unha actuación similar no Barco de Valdeorras que foi arquivada polo propio xulgado".
REACCIÓN DO PP
"Lores y su equipo no quisieron dar las explicaciones políticas a los ciudadanos y ahora se las tendrá que dar a un juez", César Abal
Segundo lembrou o concelleiro do PP, César Abal, os populares trasladaron este caso á fiscalía ao non obter unha resposta política satisfactoria por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre a relación entre o Concello e Elsamex. "Nos tomaron a cachondeo", comentou.
"Me alegro de que ahora sea un juez el que haga las valoraciones que estime oportunas", declarou César Abal.
"Lores y su equipo no quisieron dar las explicaciones políticas a los ciudadanos y ahora se las tendrá que dar a un juez", concluíu.