A Fiscalía apoia a Rafa Domínguez ante a demanda de Kiko da Silva por vulnerar a súa honra

Pontevedra
02 de xuño 2021

Rafa Domínguez e Kiko da Silva víronse as caras este mércores nos tribunais. En concreto, ante o xulgado de Primeira Instancia número 4, o encargado de dilucidar se, como asegura o artista, o portavoz do PP vulnerou o seu dereito á honra. A Fiscalía apoio ao político e pide que a demanda sexa desestimada

Rafa Domínguez e Kiko da Silva, no xulgado
Rafa Domínguez e Kiko da Silva, no xulgado / Mónica Patxot

Rafa Domínguez e Kiko da Silva víronse as caras este mércores nos tribunais. En concreto, ante o xulgado de Primeira Instancia número 4, o encargado de dilucidar se, como asegura o artista, o portavoz do PP vulnerou o seu dereito á honra.

Da Silva demandou a Domínguez despois de que este cuestionase os contratos asinados co Concello para deseñar os carteis do Entroido pontevedrés durante máis dunha década e asegurase que fosen adxudicacións a dedo por ser unha persoa afín ao BNG.

Tras a celebración do xuízo, o avogado do portavoz do PP, Juan Abeigón, asegurou que "nuestras sensaciones han sido buenas" e defendeu que as probas presentadas "nos dan la razón", polo que confía en que a demanda se desestime. 

Niso coincide a Fiscalía, que se uniu á petición da defensa para que se retiren todos os cargos contra o líder dos populares pontevedreses e contra o propio partido, tamén demandado pola emisión de varios comunicados de prensa sobre este asunto.

Para Domínguez as súas declaracións enmárcanse no exercicio da súa "libertad de expresión" cara á política de contratación do BNG, ao entender que o diñeiro de todos os pontevedreses "siempre acaba en los bolsillos de personas afines".

"Una persona se ha sentido molesta y me ha llevado al juzgado", engadiu o portavoz do PP, que asegurou que "no tengo nada persoal ni profesional" contra Kiko da Silva e achacou esta demanda aos "intereses" dos nacionalistas.

No seu labor de fiscalización do goberno municipal "no me van a frenar", dixo Rafa Domínguez, que concluíu afirmando que "estoy muy tranquilo y estoy muy contento con el juicio porque ha salido todo como esperábamos".

Kiko da Silva, pola súa banda, afirmou que "volvería a facer o mesmo que fixen" porque entende que na política actual "se están pasando uns límites que non se deben pasar" e os cidadáns teñen dereito "a non ser utilizados polos políticos nas súas leas persoais".

Explicou que el é un artista autónomo que leva desde os 17 anos traballando como ilustrador que "é o único oficio que teño", xa que apuntou que "nunca tiven ningún tipo de cargo político" e non cobrou soldo algún. 

"Non se debe utilizar a persoas físicas, traballadores autonómos que pagamos os nosos impostos e que nos estamos rexindo á legalidade de todos os concellos", subliñou Da Silva, que censurou que Domínguez, no seu intento por ser alcalde, "manche a profesionalidade dos traballadores da cidade".

Esta forma de facer política, reiterou o ilustrador, é "errónea" e "moi pouco ética", polo que considera que "deben replantexarse certas cousas".

Con respecto á postura expresada pola Fiscalía, Kiko da Silva lamentou que "deixa de manifesto que os cidadáns podemos estar indefensos" e que os traballadores "imos volver aos tempos de non dicir a ideoloxía que temos non vaia a ser que o utilicen na nosa contra".

Da Silva entende que como sociedade "estamos voltando a tempos escuros" e considera que como cidadáns "debemos reivindicar a liberdade de poder traballar e poder manifestar a nosa ideoloxía e a forma de entender o mundo".