En xuño de 2025 espérase que o edificio do Gran Montecelo se atope en funcionamento.
Este martes, o xerente da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, José Flores, indicaba que a obra transcorre no prazo previsto e que a xerencia está satisfeita co traballo que desenvolve a UTE encargada deste traballo de construción do novo edificio. Tamén Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, recoñecía o traballo, que situou nun 75% do total da obra.
O xerente confirmaba que a obra civil será entregada a finais do presente ano e xa está en marcha a licitación de equipamientos, ademais dos que xa se atopan instalados nesta zona nova do complexo hospitalario.
En canto ao procedemento de traslado de servizos, Flores recoñeceu que "vai ser un encaixe de pezas dentro do mesmo puzle, de forma coordinada, consecutiva e acelerada" e advertiu que non sería entendible que un servizo se mantivera independente neste novo espazo mentres que outros se atopen operativos no Provincial e no edificio antigo de Montecelo.
Precisamente, o xerente agarda que a finais deste 2024 estea en marcha o proceso de licitación do arranxo do antigo Hospital Montecelo para que se acometa a obra cando entre en funcionamento a nova instalación do Gran Montecelo.
Sinalou que, a mediados de 2025, tamén se trasladarán a este novo espazo hospitalario todas as consultas externas que actualmente permanecen na Casa do Mar de Mollavao, centro que quedará pechado, sen actividade asistencial.
No novo edificio xa se atopan instalados algúns equipamentos procedentes de fondos europeos como máquinas para o servizo de radioterapia; elementos do departamento de hemodinámica ou de medicina nuclear.