A fin da emerxencia sanitaria non fará decaer o 'pasaporte covid' para o lecer nocturno

Pontevedra
22 de outubro 2021

O TSXG autoriza á Xunta de Galicia esixir a presentación do certificado covid-19 para acceder a todos os locais de lecer nocturno da comunidade. A partir deste sábado 23 de outubro, todos os establecementos teñen un aforo do 100 %, o que supón un "maior risco". O tribunal conclúe que é unha medida "idónea, necesaria e proporcionada"

Unha persoa amosando o certificado covid
Unha persoa amosando o certificado covid / Xunta de Galicia

O remate da situación de emerxencia sanitaria en Galicia, que oficialmente se aplica desde este venres, non implicará a finalización de medidas e restricións como a esixencia do denominado 'pasaporte covid' para o acceso ao lecer nocturno. 

Así se desprende da última decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que autoriza á Xunta de Galicia esixir a presentación do certificado covid-19 con pauta de vacinación completa, acreditación de recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder a todos os locais de lecer nocturno da comunidade. 

Todos os locais de lecer nocturno terán a partir deste sábado 23 de outubro, coa entrada en vigor das novas medidas aprobadas pola Xunta de Galicia, un aforo do 100 % e o TSXG autoriza a que todos teñan que pedir o certificado. Ata o de agora, só tiñan a obriga de requirir o certificado os locais que abrisen ata as catro da mañá e contasen con capacidade do 75 %, en interior, e do 100 %, en exterior. A ampliación de capacidade supón "un maior de risco" e por iso é polo que o Alto Tribunal galego autoriza ese certificado.

O TSXG indica que a medida non é nova, senón de maior alcance, e tampouco é de aplicación xeral ou indiscriminada, senón que se dirixe a unha soa actividade: o lecer nocturno e por iso é polo que deciden autorizala unha vez que a Xunta pediu o seu permiso previo á aplicación da norma.

Para autorizar esta medida restritiva de dereitos fundamentais, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG tivo en conta un informe técnico do pasado 19 de outubro, que advirte que a melloría da situación epidemiolóxica na comunidade non evita "a persistencia da circulación do virus" e, por conseguinte, "o risco da súa transmisión", especialmente nos establecementos de lecer nocturno, dos que o tribunal destaca que están frecuentados por xente nova, colectivo que, ademais, "é o que presenta menor cobertura na vacinación".

Os xuíces destacan que a actividade na que se aplica a medida se desenvolve en espazos "nos que resulta dificultoso renovar o aire de forma natural", coa consecuente facilidade de que se transmita o virus por vía aérea, segundo queda acreditado nos "rigorosos estudos científicos" aos que se refire o citado informe do 19 de outubro.

Os maxistrados consideran que é "evidente" a utilidade da medida de prevención, que non ten como finalidade o mero control aos clientes, senón a de impedir que accedan aos establecementos as persoas que non acrediten o cumprimento dos requisitos que perseguen os certificados de vacinación, recuperación e de probas diagnósticas da covid-19. Polo tanto, conclúen que é unha medida "idónea, necesaria e proporcionada".