Unir a ficción audiovisual e a divulgación científica. Ese é o obxectivo dun proxecto interdisciplinar posto en marcha na Universidade de Vigo baixo a coordinación do profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Oswaldo García, do docente de Ciencias da Educación e do Deporte Roberto Barcala e do pediatra e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rodríguez Nuñez.
Unha das actividades do proxecto é 'Amor anafiláctico', un vídeo protagonizado polo actor David Perdomo, que encarna nesta curta a personaxe do Koruño, para dar a coñecer, a través do humor, como actuar ante unha crise anafiláctica. Unha cea entre o Koruño e unha moza alérxica aos cacahuetes serve neste vídeo para dar a coñecer dunha forma divertida, os síntomas e consecuencias dunha reacción anafiláctica.
Este proxecto busca realizar un labor de divulgación científica a través de "relatos de ficción que permitan enganchar á xente ao tempo que aprende", de tal maneira que o uso dos códigos de humor vai da man do rigor científico.
En relación con video, segundo informa o Diario da Universidade de Vigo, o propósito dos impulsores desta iniciativa, á que agardan poder dar continuidade con novos vídeos, é empregar tanto esta curta como a saída do proxecto piloto realizado o pasado curso como recurso docente e de investigación.
O uso como material de investigación deste vídeo, rodado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte coa colaboración do Santiago Futsal, permitiu comprobar que a súa validez como recurso para a aprendizaxe. Este primeiro proxecto foi empregado como base para unha investigación realizada con persoas con síndrome de Down, que demostraron as súas capacidades para realizar correctamente unha RCP e que foi publicada na revista Resucitation.