A fibra óptica alternativa a Telefónica estenderase desde Lourido ata A Caeira

Poio
19 de abril 2021

A Xunta de Goberno Local de Poio aprobaba na súa última sesión un proxecto que permitirá reforzar o despregue de fibra óptica en varias zonas da parroquia de San Salvador, comezando polo oeste do municipio, entre o lugar de Lourido e A Caeira, pasando pola contorna da Barca

A Caeira (Poio)
A Caeira (Poio)

A Xunta de Goberno Local de Poio aprobaba na súa última sesión, celebrada o pasado 13 de abril, un proxecto que permitirá reforzar o despregue de fibra óptica en varias zonas da parroquia de San Salvador.

O órgano municipal apoia desta maneira a actuación proposta pola empresa Avatel Telecom, que ten previsto dotar de este servizo á zona oeste da localidade, concretamente entre o lugar de Lourido e A Caeira, pasando pola contorna da Barca.

Tal e como consta na documentación, a firma de telecomunicacións aposta polo uso de canalizacións xa existentes para instalar a fibra, ademais da dotación de caixas de empalme e terminais ópticas. Naqueles tramos onde non existan estas canalizacións farase uso do tendido de cables e cruces aéreos, respectando en todo momento a estética existente.

A tenente de alcalde e responsable do departamento de Obras e Servizos Municipais, Chelo Besada, salienta a importancia desta actuación. "É un feito moi positivo que haxa varias empresas interesadas en ofrecer este servizo á veciñanza. Dar cabida a máis firmas xera competencia e iso fai que se mellore a calidade da prestación", explica a concelleira do PSdeG-PSOE.

Besada confía en que o interese das empresas tamén se estenda a outras parroquias, especialmente dados os problemas derivados pola incapacidade que está a amosar Telefónica á hora de garantir a chegada da fibra ao 100% do termo municipal de Poio. Sobre esta cuestión, a tenente de alcalde tamén recorda que o Plan Sectorial de Despegue de Banda Ancha establecía que esta actuación tiña que ser unha realidade antes de que finalice o presente ano. "Sen embargo, existen aínda lugares aos que Telefónica aínda non dotou de fibra óptica, a pesar de que o Concello de Poio está ao día no que á tramitación de permisos e xestións burocráticas se refire", advirte Besada.