A Festa dos Maios de Pontevedra busca participantes

Pontevedra
16 de abril 2018

Ata o 27 de abril está aberto o prazo de inscrición para participar na tradicional Festa dos Maios, que se celebrará na Praza da Ferrería de Pontevedra, como é habitual, o próximo 1 de maio ás once da mañá

Concurso dos Maios 2017
Concurso dos Maios 2017 / Cristina Saiz

Ata o 27 de abril está aberto o prazo de inscrición para participar na tradicional Festa dos Maios, que se celebrará na Praza da Ferrería de Pontevedra, como é habitual, o próximo 1 de maio ás once da mañá.

Os interesados en participar poden inscribirse no Rexistro Xeral do Concello e as persoas xurídicas a través da sede electrónica.

Desta volta, entregaranse preto de 4.000 euros en premios.

Entre os requisitos a cumprir está que o maio será tradicional de Pontevedra, de forma cónica, de entre 1,5 e 2 metros de altura aproximadamente, adornado con produtos tradicionais como fiúncho, pampillos, margaridas, laranxas e ovos.

Tamén se aceptarán, por ser tamén de tradición local, cartuchos, calas, camelias, rosas silvestres e bandeiras de papel. Calquera outro elemento de adorno será penalizado.

Os materiais que compoñen a estrutura non serán visibles a non ser os pés de maio e as andas, que serán de madeira. Serán valorados elementos de tipo técnico (como a uniformidade do manto de fiúncho, a elaboración uniforme das coroas de pampillos, margaridas e laranxas, etc.) e artístico (a distribución dos adornos no maio ou a composición de formas e cores.

A coroa, no caso de presentarse, non deixará ver os materiais da estrutura. Poderá presentarse como remate do maio, ou mellor (por ser tradición en Pontevedra) en estrutura á parte enriba dun pé de madeira. Valorarase a composición de formas e cores, así como o motivo que represente.

Nas cantigas valorarase a retranca, a composición, o ritmo e a linguaxe utilizados. Penalizarase o uso de palabras malsoantes e o uso de coplas copiadas de anos anteriores.

Na interpretación valorarase o emprego do canto tradicional do maio de Pontevedra, así como a entoación, ritmo e voz dos actuantes. Tamén se valorará o uso dos materiais de acompañamento (paos de man ou estadullos).

O xurado cualificador estará integrado por un representante de cada un dos grupos políticos con representación municipal, e un máximo de catro persoas de recoñecida traxectoria no coñecemento e valoración da Festa dos Maios de Pontevedra.

A poetisa Tamara Andrés será a encargada de dar a benvida este ano á Festa dos Maios.