A Festa do Petote, un compromiso real coa gastronomía tradicional galega

Cerdedo-Cotobade
07 de marzo 2017

O Concello de Cerdedo-Cotobade leva oito anos celebrando esta festa que pretende "poñer en valor un produto que practicamente desapareceu" pero que forma parte da gastronomía tradicional galega. Por iso, o vindeiro domingo 12 de marzo volverá acoller unha nova edición dunha celebración que ao longo da súa historia reuniu a máis de 3.500 persoas

Festa do Petote 2016
Festa do Petote 2016 / Diego Torrado

O Concello de Cerdedo-Cotobade celebrará un ano máis a Festa do Petote o vindeiro domingo 12 de marzo. Este evento culinario leva oito anos realizándose e durante a súa traxectoria congregou máis de 3.500 persoas ao redor dun produto casi desaparecido.

A Festa do Petote "é das máis especiais que se fan en Galicia, xa que trata de poñer en valor un produto que practicamente desapareceu e que pode considerarse en perigo de extinción, pero que pode considerarse salvagardado co noso compromiso", explicou o presidente do Concello Jorge Cubela. O petote está formado por pequenos bolos de fariña, millo e un chisco de centeo que se amasan e se cociñan na auga do cocido, servíndose como acompañante deste. 

Para Cubela, a festa supón un exercicio de memoria histórica ao tratarse dun produto con gran arraigamento en Galicia "xa que salvou da fame a moitas familias, especialmente na posguerra". Pasado e futuro únense como unha homenaxe aos antepasados e como un reclamo turístico no que respecta a cociña e ao entroido máis tradicional.

A comida realizarase o domingo 12 de marzo no pavillón municipal de Carballedo e as entradas, a 15 euros, inclúen un cocido completo, café, postre e botellas de auga e viño que se repartirán polas mesas. Para os menores de seis anos, o prezo de venda será de 5 euros.

Os interesados poderán adquirilas en once puntos da comarca de Pontevedra: A de Tucho (Augasantas), A Vosa Taberna (Borela), A de Perdiz (Augasantas), Bar Conchi (San Xurxo de Sacos), Casa Blanco (As Lagoas-Rebordelo), A Chan (Carballedo), A de Ángel (Tenorio), Donegal's  (Pontevedra), Ernesto Filgueira (Pontevedra), O Brasileiro (A Lama) e A Rampla (Cerdedo).