O Concello de Cerdedo-Cotobade celebrou na xornada deste domingo a décima edición da Festa do Petote, que se saldou con preto de 400 tapas de petote e lacón repartidas gratuitamente entre o público asistente á Praza da Chan e gran parte dos restaurantes participantes cheos para degustar o Cocido de Entroido.
A xornada, que estivo respaldada pola presenza do presidente municipal, Jorge Cubela, e da gran maioría dos representantes da corporación, comezou a mediodía na vila de Carballedo cos desfiles e a animación das asociacións e comparsas Cor Café e Moreira A Tope mentres un gran número de nenos gozaba dos xogos inchables.
Pouco despois comezou a degustación gratuíta de pinchos de petote, acompañados de chourizos, lacón á feira e lacón con grelos co obxectivo de promocionar este produto típico e tradicional do municipio e o Cocido de Entroido. Ata case 400 racións se repartiron ao longo da mañá xunto con outras tapas, como tortillas, empanadas e xamón, e bebidas da man da foodtruck Laconlover. Toda a degustación estivo acompañada do concerto do grupo A Tajea.
Tras todas estas actividades a práctica totalidade dos asistentes desprazáronse ata algún dos dez restaurantes do municipio que hoxe servían o cocido completo con petote a un prezo de 20 euros. Moitos deles estaba ateigados de xente e algúns incluso xa advertirán hai días de que non admitían máis reservas ao ter o aforo completo.
Os restaurantes adheridos á Festa do Petote foron A de Tucho (Augasantas), A Raxadal (Carballedo), Casa Blanco (Rebordelo), Casa Inés (Carballedo), Veiga Mariña (Almofrei), O Espigueiro (Cerdedo), O Meu Lar (Cerdedo), Moncha (Cerdedo), Restaurante Davi (Quireza) e A Vosa Taberna (Borela).
Cubela fixo unha primeira valoración na que destacou a "valentía de apostar por un cambio de formato para revolucionar e innovar a festa e facela máis popular e achegada á xente" e amosouse convencido de que a decisión "foi acertada e vén avalada polo moito público que houbo en Carballedo e polo gran volume de xente que acudíu aos restaurantes, o que axuda tamén a xenerar riqueza e dinamismo no noso concello".