A Festa do Mar contará con actuacións en Raxó, Samieira e Combarro pero prescinde da carpa gastronómica

Poio
11 de agosto 2022
Actualizado: 17:22

Este ano non haberá carpa gastronómica, debido á falta de espazo motivado polo peche do peirao da Canteira para a realización das obras do emisario

Presentación do programa da Festa do Mar
Presentación do programa da Festa do Mar / PontevedraViva

O concelleiro de Festexos do Concello de Poio, Xosé Luís Martínez presentou este mércores a programación correspondente á Festa do Mar, que este ano chega aos 21 anos de existencia. 

Martínez Blanco estivo acompañado por representantes da Asociación Armadiña e do Club A Reiboa, que desenvolven "un papel fundamental e moi importante" no desenvolvemento de dúas citas de referencia dentro da propia festa, como son o Armadiña Rock e o Encontro de Embarcacións Tradicionais.

Nesta ocasión, tal e como adiantou o edil do Goberno municipal, a programación desenvolverase entre o martes 23 e o domingo 28 de agosto. 

A cita que servirá de inauguración será o propio martes, ás 21.30 horas, no campo de fútbol de Samieira, con SOTE DJ e o Combo Dominicano. 

Tamén chegará a Raxó a Orquestra Olympus o mércores 24, ás 22.00 horas. O xoves 25, esta parroquia acollerá, á mesma hora, un concerto a cargo de Dr. Queen, unha das bandas tributo máis importantes a nivel mundial. 

Os concertos pecharanse o domingo 28 na Praza da Chousa de Combarro, cun espectáculo a cargo de Concert Kids Gisela, ás 20.00 horas. Euro ABBA porá o broche final ás 22.00 horas.

A entrada será gratuíta en todas as iniciativas.

Ademais, a programación tamén inclúe o Armadiña Rock, que se levará a cabo na Praza da Chousa os días 26 e 27 de agosto. 

Nesa fin de semana, entre o venres 26 e o domingo 28, chegará tamén o Encontro de Embarcacións Tradicionais. Logo da recepción e cea de benvida da primeira xornada, o sábado 27 iniciarase a regata da Reiboa, puntuable para a Copa Mörling. 

O domingo, antes da despedida oficial aos participantes, tamén haberá tempo para a navegación libre pola ría. Como principal novidade, Martínez sinalou que este ano as embarcacións disporán de fondeos no peirao da Chousa, que se suman aos amarres que usan habitualmente no pantalán.

Por último, e de cara a futuras edicións, o concelleiro de Festexos adiantou que "estamos a estudar fórmulas para dar un novo encaixe a eventos como a Festa do Mar ou o Festival Sons de Ánkar", que pasarían, por exemplo, polo cambio de datas, para "favorecer a desestacionalización".

SEN CARPA GASTRONÓMICA

Nesta edición, a Festa do Mar non contará con carpa gastronómica en Combarro. O concelleiro de Festexos explicou que esta decisión adoptouse debido á falta de espazo no peirao da Canteira, por mor da realización das obras do emisario submarino que está a efectuar a Xunta de Galicia. "Ao pechar o recinto portuario non dispoñemos dunha zona na que poder emprazar a carpa", apuntou Xosé Luís Martínez.

Desde o grupo municipal do Partido Popular rexeitaron esta xustificación do concelleiro de Festexos e lembran que xa hai meses que na Comisión de Cultura xa se anunciou que non existiría carpa gastronómica, unha decisión que mesmo foi comunicada aos empresarios que participan habitualmente nesta cita moito antes de saber que Augas de Galicia ía dispoñer do peirao da Canteira para as obras de construción do emisario.

O Partido Popular reprocha ao goberno local que tente escusar a falta de contido da Festa do Mar relacionándoo co peche da Canteira. "Unha vez máis o tripartito intenta tapar todos os seus erros co peche da Canteira a construción do emisario da EDAR de Praceres", dixo o voceiro do PP, Ángel Moldes.