O Concello de Moraña presentou este venres a LIV Festa do Carneiro ó Espeto, declarada de interese turístico galego e que celebrará o seu día grande o domingo 30 de xullo, e abriu tamén o prazo de reserva de lotes para o "Extraordinario Xantar do Carneiro ó Espeto", que se celebrará como é habitual na Carballeira de Santa Lucía e que contará con capacidade para ata 3.000 comensais.
O alcalde de Moraña, Sito Gómez, acompañado por membros do goberno local, deu a coñecer hoxe a programación "dunha das exaltacións gastronómicas máis importantes de Galicia e que xa comeza a ser coñecida en gran parte de España, dunha festa que é un orgullo para este pobo e dunha celebración que é sinal de identidade, elemento de unión, embaixadora e bandeira de Moraña".
"Estamos ante unha festa que é moito máis que unha cita gastronómica, xa que para Moraña o Carneiro ó Espeto é un símbolo e ademais permite poñer en valor as nosas tradicións, xa que estamos ante unha preparación culinaria que se basea nun dos sistemas de asado tradicional e artesanal máis antigos que perviven en Europa", destacou o rexedor local.
En canto ás reservas dos lotes, xa se abriu o prazo e as persoas interesadas xa poden facer a reserva dos mesmos aboando o prezo de 300 euros, que se mantén con respecto ás edicións anteriores, nas sucursais bancarias de Abanca, Santander e Caixabank de Moraña. O prazo permanecerá aberto ata o 21 de xullo, aínda que podería pecharse antes en caso de completarse os 140 lotes que saen á venda e que cubren a capacidade total da carballeira.
Cada lote, que permite xantar a unha vintena de comensais e dá dereito a mesa na Carballeira de Santa Lucía, inclúe, ao igual que en edicións anteriores, un carneiro asado ao espeto cun peso de entre 12 e 14 quilogramos, dúas empandas de trigo, catro moletes de pan, doce botellas de viño, doche botellas de auga, unha botella de salsa especial para o asado, café, augardente e servizo completo de mesa.
Polo demais, o alcalde de Moraña tamén deu a coñecer o programa de actividades, que arrancará o domingo 2 de xullo e se prolongarán ata o día grande, domingo 30, con ata 23 eventos de todas as características e para todos os públicos que contemplan cultura, música, deporte, gastronomía, xogos ou artesanía, entre moitas outras cuestións.
Así, haberá a II BTT Carneiro ó Espeto, unha andaina e Feira de Artesanía (2 de xullo), a degustación gastronómica "Espétalle un Pincho" (8 de xullo), obradoiros de xabóns naturais (10 de xullo), a obra teatral "O que hai que ver" (16 de xullo), concerto de verán da Escola de Música de Moraña (20 de xullo), monólogo con Quico Cadaval (21 de xullo), certame de corais (22 de xullo), festa acuática (24 de xullo), finais do torneo interparroquial de fútbol (25 de xullo), cine na rúa (26 de xullo) e festa infantil e festa holi (27 de xullo).
Xa na fin de semana central da festa, o vernes 28 haberá espectáculo circense e verbena con Los Player's e Atenas, o sábado 29 a festa da bicicleta e a Gran Gala con Azúcar Moreno, Michael Legend tributo a Michael Jackson, Dasoul e a disco móbil Euphoria e o domingo 30 completarase con animación de rúa a cargo da charanga Os Encerellados, asignación de lotes e xantar popular, actuación de Pelepau e fin de festa coa orquestra Kubo.