A Festa de Ameixa de Campelo, máis preto de ser Festa de Interese Turístico de Galicia

Poio
14 de xaneiro 2024

O goberno municipal de Poio levará este mes a pleno a solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Ameixa de Campelo, que celebrou en setembro a súa trixésimo quinta edición. É o último requisito antes de remitir o expediente á Xunta de Galicia

Rocío Cochón e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles
Rocío Cochón e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles / Concello de Poio

O goberno municipal de Poio levará este mes a pleno a solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Ameixa de Campelo, que celebrou en setembro a súa trixésimo quinta edición. É o último requisito antes de remitir o expediente á Xunta de Galicia.

Este foi o principal asunto da reunión mantida entre a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

Cochón subliñou que nos últimos meses o seu departamento vén realizando unha intensa labor de investigación e documentación para redactar a memoria que debe acompañar á solicitude.

A edil quixo agradecer o gran traballo da técnica e do persoal da concellería "para xustificar e documentar o que os veciños de Poio xa sabemos, que a Ameixa de Campelo, a xente do mar e todo o tecido social que a fan posible merecen este recoñecemento".

Poio defende esta festa cumpre con todos os requisitos que esixe a lei, en canto á antigüidade, singularidade, continuidade no tempo, arraigo e valor cultural, así como outros criterios, amplamente documentados na memoria.

"Como non imos estar orgullosos dunha festa que desde 1988, cando se creou por iniciativa dos veciños e da xente do mar de Campelo, ofrece o mellor de nós?", explicou a concelleira, que resaltou a importancia da festa en termos turísticos e en proxección do espírito mariñeiro. 

Así, quixo poñer en valor a implicación das confrarías, as agrupacións de mariscadoras, as empresas locais e a todos os colectivos que fixeron posible que esta celebración estea en camiño de ser a primeira Festa de Interese Turístico de Galicia do municipio.