A Festa da Fátima estreará o protocolo policial de intervención por violencias sexuais

Poio
16 de maio 2024

Vai ser a guía de actuación para todos os eventos que se organicen no municipio para protexer e atender ás mulleres en caso de abusos ou agresións sexuais e condutas machistas

Reunión de coordinación, tráfico e seguridade na Festa de Fátima
Reunión de coordinación, tráfico e seguridade na Festa de Fátima / Concello de Poio

O Concello de Poio mantivo este mércores unha reunión de coordinación do dispositivo especial deseñado para que a Festa da Fátima, en Campelo, se desenvolva con total normalidade e seguridade ante a previsión dos milleiros de persoas que se van a achegar para gozar das orquestras programadas: Panorama, París de Noia e o Combo Dominicano. 

O aforo á Praza da Granxa será limitado a 3.000 persoas, e haberá seguridade privada que fará un control dos accesos para cumprir coas normas e coa seguridade do evento.

Así, no encontro participaron o alcalde, Ángel Moldes; as concelleiras de Igualdade, Natividad Torres, de Seguridade Cidadá, Maritxe González, e de Festexos, Fran da Silva; a directora do Centro de Información á Muller; representantes da Policía Local, Protección Civil e da Garda Civil, así como membros da Comisión de Festas de Campelo e persoal do Punto Lila que o Concello de Poio vai instalar este xoves nunha das rúas anexas á Praza da Granxa.

Precisamente, un dos temas principais da reunión foi o primeiro protocolo policial de intervención por violencias sexuais do Concello de Poio, un protocolo para espazos públicos de lecer que se vai aplicar en Fátima pero que vai ser a guía de actuación para todos os eventos que se organicen no municipio para protexer e atender ás mulleres en caso de abusos ou agresións sexuais e condutas machistas. 

Este documento, segundo indicou o alcalde, "supón un compromiso do Concello de Poio para garantir que as festas sexan un espazo seguro para todas as persoas por igual, sen que ninguén se teña que sentir acosada, violentada ou agredida".

O Punto Lila estará dispoñible desde as 22.00 ata 3.00 horas. É un punto de referencia no que informarse sobre a violencia machista, pero sobre todo, un "espazo seguro e tranquilo ao que poden asistir as vítimas en caso de agresión". Dúas promotoras de igualdade atenderán neste espazo, e ocuparanse de comunicar a situación ás forzas de seguridade para activar o protocolo de actuación.

Este documento dá prioridade á atención á vítima e asegurará o seu acompañamento durante todo o proceso. Identifica os diferentes delitos incluídos no código penal e inclúe novas tipoloxías graves, como a agresión por pinchazo. E tamén explica como deben actuar as persoas voluntarias ou persoal do Punto Lila en cada suposto. 

Desde o Concello de Poio se recorda que todas as mulleres a importancia de denunciar, e que se acheguen ao Punto Lila ou ben a calquera dos membros de seguridade para pedir axuda.

DISPOSITIVO ESPECIAL DE TRÁFICO

Na reunión tamén se acordou o dispositivo especial de tráfico, que comezará este xoves, día 16, desde as 15.00 horas. Cortarase o acceso de vehículos na rúa Pedro Soutelo con Campoloncras, diante da Praza da Granxa, que será exclusivamente de acceso peonil durante os tres días.

Ademais, a rúa Beiramar será de sentido único cara a rúa Padre Avelino, para baixar ao porto, mentres que a rúa Cachadas será de sentido único de subida.

Haberá dispoñibles aparcamentos disuasorios en Lourido e na rúa Pedro Souto Couselo.