A Festa da Ameixa de Campelo celebrarase do 18 ao 20 de outubro

Poio
21 de setembro 2024

Como anticipo á festa, as Xornadas da Ameixa continúan esta fin de semana en quince establecementos do municipio, ofrecendo menús, pratos e tapas co bivalvo como principal protagonista

XXXV edición da Festa da Ameixa de Campelo
XXXV edición da Festa da Ameixa de Campelo / Mónica Patxot

O Concello de Poio anunciou que xa hai data para a celebración da 36 edición da Festa da Ameixa de Campelo. Será do 18 ao 20 de outubro.

Segundo explicou o alcalde de Poio, Ángel Moldes, este ano a celebración renderá unha homenaxe especial aos inicios da festa, recoñecendo o traballo de quen organizou a primeira edición hai 36 anos.

Moldes destacou que a Festa da Ameixa, é un referente que non só representa unha oportunidade para promover o turismo sostible e desestacionalizado, senón que tamén contribúe a poñer en valor a rica cultura mariñeira e marisqueira de Campelo.

O acto de recoñecemento terá lugar o venres 18 de outubro, coincidindo coa entrega da Ameixa de Prata a vinte mariscadores e mariscadoras das confrarías de Raxó, San Telmo e Lourizán que se xubilaron ao longo do último ano.

Esta homenaxe servirá para agradecerlles o seu traballo dedicado ao mar e á preservación dos espazos naturais nos que faenaron, unha actividade fundamental para a economía e a cultura local.

Aínda que a programación completa da XXXVI Festa da Ameixa será anunciada nos próximos días, espérase que o evento, como en anos anteriores, combine a mellor gastronomía con música e actividades lúdicas para todos os públicos, consolidándose como unha celebración destacada dentro do calendario festivo de Poio.

Como anticipo á festa, as Xornadas da Ameixa continúan esta fin de semana en quince establecementos do municipio, ofrecendo menús, pratos e tapas co bivalvo como principal protagonista.

Estas xornadas, que comezaron o 1 de setembro, están a celebrarse cada fin de semana ata o final do mes, de venres a domingo con gran aceptación por parte de veciños e visitantes, grazas aos prezos accesibles que oscilan entre os 3 e os 30 euros.

Os locais participantes son Casa Angelita e o Restaurante Lourido (en Lourido); Casa Laura (Campelo); Casa Susa (Muíño); O Eirado das Margaridas (Liñares); Pinela Terraza (Casalvito); e varios establecementos en Combarro como o Restaurante Alvariñas, Arroyo Mar y Tierra, Entrepedras, Pedramar, La Espuela e O Peirao.

Tamén participan La Nueva Parada (Chancelas), O Novo Lar de Expósito (Covelo, Samieira) e o Vamos Falando (Raxó).