Logo de dous anos de parón pola pandemia da covid-19, a Festa Corsaria de Marín volverá celebrarse este verán. A undécima edición da festa volverá trasladar á vila ao pasado, á época na que Gago de Mendoza liderou ás Alarmas do Morrazo, durante os días 19 e 20 de agosto.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e os concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos presentaron este mércores o cartel deste ano e anunciaron que o prazo para solicitar a colocación de mesas na rúa, tanto para os particulares como para a hostalaría, comezará a vindeira semana.
Tanto particulares como hostalería poderán reservar o seu oco entre o martes 26 de xullo e o luns 15 de agosto. Será preciso descargar os formularios dispoñibles na web e presentalos no Rexistro Xeral, a través da sede electrónica do Concello, ou directamente no Rexistro do Concello.
As ligazóns para facelo son as seguintes: hostalaría, particulares.
As mesas que se autoricen deberán ter visible o número de identificación e será preciso que as persoas que coman nelas vistan traxes adecuados á época histórica da festa, que a temática de decoración da mesa sexa corsaria, que os materiais que se utilicen para dita decoración sexan coherentes cos da época e que os depósitos de lixo tamén vaian acordes ao resto do decorado.
A festa traerá tamén unha nova edición do Concurso de Decoración e Ambientación, que chega á súa sexta edición e busca premiar os establecementos hostaleiros e as mesas de particulares que destaquen polo seu enxeño e ambientación corsaria.
Será preciso facer constar na solicitude que se vai participar no concurso. Poden descargarse as bases aquí.
O local de hostalaría gañador levará 200 euros de premio e repartirase un accésit de 100 euros. As mesmas cantidades serán tamén para os particulares.
A decisión do xurado, conformado por representantes das asociacións e colectivos relacionados coa vida marinense, será pública o 20 de agosto.