Pontevedra entra, un ano máis, en pleno século XV. Rúas e prazas da cidade están xa engalanadas para celebrar a vixésima edición da súa tradicional Feira Franca, durante a que os pontevedreses regresamos por unhas horas á época medieval.
A Feira Franca, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, conmemora o privilexio concedido a Pontevedra polo rei Enrique IV no ano 1467 para celebrar un mercado libre de impostos que duraba aproximadamente un mes.
Tras o fabuloso arranque desta celebración, cun espectáculo de luces e lume na Ferrería, a organización ten previsto un amplo programa de actividades para a xornada central desta Feira Franca.
A apertura do mercado medieval en Santa María e da mostra de oficios que se poderá visitar entre A Ferrería e a Praza do Peirao, abrirá a festa ás 11.30 horas. Media hora despois, comezará a recreación do transporte do viño que, a cargo da Asociación Recriativa de Xeve, percorrerá Santa Clara, Sarmiento, Pasantería, A Ferrería e a Peregrina.
Outro dos grandes atractivos volverá ser o gran torneo medieval que, ás 17.30 e ás 20.00 horas, organizará a compañía Hípica Celta na praza de touros. A entrada será gratuíta ata completar aforo.
A gran novidade estará no río Lérez, entre a ponte das Correntes e a ponte do Burgo, por onde navegarán varias embarcacións tradicionais e realizaranse exhibicións de oficios relacionados coa actividade marítima e naval que tiña Pontevedra na época.
Ademais, durante todo o día haberá numerosos espectáculos de animación pola rúa con bufóns, trobadores, paxaros xigantes ou domadores, demostracións de oficios tradicionais, exhibicións de cetrería, esgrima e danza, actuacións musicais con cantares de cego, música medieval e moitas outras actividades lúdicas.
O programa completo de actividades da XX Feira Francapódese descargar a través desta ligazón.