O elevado número de xente que se prevé que participe ou visite a Feira Franca deriva nun dispositivo especial de seguridade e emerxencias que, como vén sendo o habitual, velará pola prevención e resolución de calquera incidente que se poida dar.
O derradeiro evento do verán da Boa Vila contará coa máxima coordinación entre todos os corpos de seguridade e de protección cidadá municipais, como é o caso da Policía Local, os Bombeiros e Protección Civil, amais doutros servizos coma os de emerxencias sanitarias.
Como todos os anos, desde o departamento da Policía Local quedan establecidas distintas vías de circunvalación (en verde, no plano), de penetración (en amarelo), de aproximación (en azul) ou pechadas por mesas (vermello).
Todos os servizos de emerxencia teñen coñecemento das mesmas e a súa disposición en distintos puntos da cidade permitirá unha entrada e saída áxil e sen impedimentos no caso de necesidade.
No Teatro Principal estará situado o Posto de Mando Avanzado (PMA), lugar ao que a cidadanía pode achegarse en caso de calquera tipo de incidencia.
Ademais, dúas unidades do corpo de bombeiros estarán preparadas para solventar calquera incidencia, unha na Praza de España e outra na parte sur da cabeceira do Burgo. Ademais, haberá até oito puntos con extintores para usar en caso de necesidade
Ao igual que outras edicións, recoméndase facer un uso mínimo do vehículo privado ao longo de toda a xornada, usar as vías periféricas da cidade e facer uso dos estacionamentos de bordo situados nos distintos puntos da cidade e evitar acceder ao centro urbano de xeito innecesario.