O mercadiño ambulante pecha unha etapa. Salvo cambios de última hora, o deste sábado foi o último que se celebrou no seu emprazamento habitual, o ámbito do Recinto Feiral.
Numerosas persoas, moitas delas desconocedoras desta situación, achegáronse aos postos de venda como cada semana, a pesar da tímida choiva que caía por momentos.
O Concello, segundo explicou a edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, aposta porque a feira, a partir do próximo sábado 21 de xaneiro, se celebre na rúa Arcebispo Malvar.
Entende que a proximidade ao centro histórico e, especialmente, á praza de abastos, servirá para que ambas as ofertas comerciais poidan establecer sinerxias e traballar xuntas na revitalización deste ámbito urbano.
Os postos de venda repartiríanse por toda a rúa, a partir da zona máis próxima á praza Valentín García Escudero. Trátase ademais dun espazo que, a diferenza do actual, estaría máis resgardado ante as xornadas de mal tempo.
Pero este, con todo, non é o único escenario que se estudou para a feira. Ante a reticencia dalgúns feirantes, o goberno municipal barallou instalala na Alameda, aínda que esta opción presenta certas dificultades técnicas.
Entre elas, preocupa o estado no que pode quedar toda a zona en días de choiva, nos que xa habitualmente se acumula auga e aparece barro nalgúns dos seus espazos.
Será, en todo caso, a concellería de Promoción Económica quen tome unha decisión definitiva nos próximos días. Para iso, solicitou un informe á Policía Local para determinar cal das dúas opcións é máis viable ou máis adecuada para acoller esta feira ambulante semanal.