A Feira do Mel multiplica por tres o número de postos

Pontevedra
07 de agosto 2019

O tradicional mercado e exposición de produtos apícolas abrirá as súas portas fronte á praza de abastos este sábado e ofrecerá aos visitantes diversos produtos derivados da colmea, de artesanía, talleres, charlas e un espectáculo de maxia para pechar o evento o día 18

A Feira do Mel de Pontevedra presentouse no Mercado de Abastos
A Feira do Mel de Pontevedra presentouse no Mercado de Abastos / Mónica Patxot

A Feira do Mel de Pontevedra comeza o vindeiro sábado co maior número de expositores da súa historia. Cunha vintena de postos, a décimo novena edición deste evento ofrecerá durante unha semana toda clase de produtos derivados das colmeas e obxectos de artesanía, así como talleres para nenos e adultos, espectáculos de maxia e un ciclo sobre a avespa asiática. 

"Haberá exposicións de niños de vespa asiática e charlas para aprender a erradicala nun posto dedicado a esta praga", explicou Claudio Fraga, de Apícola Regueira, acompañado pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco (PSOE). O apicultor recoñeceu na presentación da feira que tivo lugar este mércores, que a produción deste ano, na que predomina o mel de eucalipto, foi extraordinaria polas condicións climáticas.

Mel, pole, propolen, xelea real, cosméticos, caramelos e cera son os produtos relacionados coa actividade das abellas que os compradores poderán atopar na feira. Pero non só iso. "Para darlle visibilidade ás empresas do rural, montaremos un mercado para a venda de produtos alimentarios galegos e tamén artesáns, como a combucha, sidras, zumes de mazá, cervexa artesá, aceites de oliva, queixos, pans, utensilios de cociña artesanais e zocos", detalla Luz Gómez, integrante de Emrede

A partir do sábado e ata o día 18, a feira do mel da rúa Sierra, fronte ao Mercado de Abastos, abrirá as súas portas desde as 10 ás 14 e desde as 18 ás 22 horas. Na programación da feira destaca un taller de arquitectura para nenos no que elaborarán un colmenar con material reciclado o sábado, unha cata de meles o luns, unha charla sobre a praga da velutina o martes e diversos obradoiros para toda a familia nos días posteriores. O Domingo 18 clausúrase a feira co espectáculo de maxia O mago Paco.