A feira de produtos gourmet Etiqueta Negra terá segunda edición en 2017

Pontevedra
18 de novembro 2016

A feira de gastronomía Etiqueta Negra Gourmet que celebrou a súa primeira edición entre o 12 e o 14 de novembro no recinto feiral de Pontevedra superou as mellores previsións dos organizadores, ao recibir durante os tres días a un total de 5.183 visitantes, congregar a 51 expositores e acoller un total de 315 encontros de negocio

Segundo día da Feira Etiqueta Negra Gourmet
Segundo día da Feira Etiqueta Negra Gourmet / Diego Torrado

A feira de gastronomía Etiqueta Negra Gourmet que celebrou a súa primeira edición entre o 12 e o 14 de novembro no recinto feiral de Pontevedra superou as mellores previsións dos organizadores, ao recibir durante os tres días a un total de 5.183 visitantes, congregar a 51 expositores e acoller un total de 315 encontros de negocio.

Á vista deste éxito de público e a resposta dos expositores e profesionais, a Concellaría de Promoción da Cidade anunciou este venres que volverá a celebrar esta feira de exaltación dos produtos gourmet galegos no vindeiro ano 2017 co obxectivo de "converterse nun dos eventos gastronómicos máis destacados do país".

A organización difundiu un comunicado no que se mostrou moi satisfeita pola resposta transmitida polos expositores e profesionais da gastronomía e da restauración. En total, foron 168 os profesionais acreditados, entre os que se inclúen 49 tendas gourmet de Galicia e 16 distribuidores de alimentación. Ademais, destacan a visita de empresarios de Hong Kong grazas aos contactos establecidos entre o Concello de Pontevedra e a Asian-Spain Association Cultural Exchange.

Xunto á exposición comercial, a feira acolleu un completo programa de actividades paralelas que gozou dunha grande aceptación por parte dos visitantes. Así, no Anfiteatro Mahou desenvolvéronse demostracións de cociña en vivo a cargo de prestixiosos chefs como Pepe Solla, Iñaki Bretal, Nacho Tierno, Diego López ou Dolores Valcárcel (La Abuela Lolita, do Canal Cocina), ou unha mesa redonda sobre comunicación e gastronomía que contou coa participación, entre outros expertos, de Xosé Cannas, chef do restaurante Pepe Vieira.

Ao respecto, a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, destacou que, ao peche da primeira edición de Etiqueta Negra, ten a satisfacción de contar co apoio dos visitantes e o dos profesionais do sector, moitos dos cales "nos expresaron xa a súa intención de participar nunha segunda edición". Segundo indicou a concelleira, na organización son conscientes de que "hai cousas por mellorar", por iso agradecen moito as críticas construtivas e as suxestións recibidas.

Promovida polo Concello de Pontevedra e baixo o patrocinio da Deputación Provincial e de Mahou, e con Mafari e a Mancomunidade do Salnés como patrocinadores de actividades, esta primeira edición contou ademais coa colaboración de Tawi, Froiz, Gráficas Anduriña, Martínez Blanco Vestiario Profesional, o CIFP Carlos Oroza, Gadis e Exclusivas Villares.