Está aquí a sexta edición da feira de artesanía Chalana. 14 artesáns galegos, entre eles cinco ou seis de Pontevedra, exporán e venderán os seus traballos entre este xoves 18 de xullo e o 4 de agosto no Paseo de Odriozola en horario de 11 a 14 horas e de 19 a 23 horas.
A feira, que organizan a asociación Deseño Atlántico e a Concellaría de Festas de Pontevedra, busca amosar o pasado e o presente da artesanía galega con diversidade de productos, que van dende prata a coiro, cerámica, forxa, tecido, serigrafía, instrumentos ou xoguetes de madeira. Todos os participantes estiveron en edicións anteriores excepto a ceramista de Cangas Pilar Piñeiro.
Segundo indicou a edil de Festas, Carme da Silva, esta feira serve como termómetro da forza que ten a artesanía galega na actualidade, pois os organizadores tiveron que descartar a participación de máis artesáns na mostra por falta de espazo. A concelleira considera que está "moi consolidada" e sotén a afirmación na asistencia de público e no balance que fan os asistentes.
O presidente de Deseño Atlántico, Salvador Vázquez, indicou que nas últimas semanas organizaron unha feira Chalana en Raxó (Poio) coa idea de facer esta mostra unha iniciativa itinerante e "debido ao éxito das anteriores edicións da de Pontevedra". Asegura que na que se celebrará no Paseo de Odriozoloa "houbo máis peticións que os postos que podemos ofrecer" e destacou que non é nada habitual nos tempos que corren, pois "hai feiras de artesanía que lle está custando cubrir prazas".
Unha das entidades protagonistas de Chalana é Os Alegres. O seu presidente, Dionisio Aboal, explicou que este ano, para seguir dando novidades á feira, exporán un pandeiro dun metro por un metro para amosar como se confecciona artesanalmente este tipo de instrumento e tamén para recordar a tradición e lenda existente na zona do Courel, onde nunha época na que as colleitas eran malas por mor do tempo, os veciños do lugar fixeron un pandeiro dun metro por un metro e sacaron á santa en procesión ao tempo que as mulleres do lugar ían tocándoo para facer máis ruído que os lóstregos e tronos.
Salvado Vázquez agradeceu a iniciativa de Os Alegres e explicou que Chalana é unha iniciativa na que "xuntamos o tradicional como o que fai Dionisio coa modernidade como a serigrafía en camisetas".