O programa Pontenciencia regresa un ano máis aos centros de ensino da Boa Vila, que recibirán unha serie de ferramentas e desfrutarán de actividades para vivir de forma dinámica e atractiva tanto a ciencia, como a tecnoloxía e a innovación.
Este programa especial está impulsado polo Concello de Pontevedra xunto coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), que logo de contactar con todos os centros educativos públicos do ensino primario, secundario e formación profesional e con centros de administración pública, confirmaron que un total de 9 centros de ensino primario remitiron xa a inscrición previa, 2 centros de ensino primario solicitaron información para confirmar a participación e 6 centros de ensino secundario ou FP enviaron tamén a nomeada inscrición previa.
Deste xeito, serán case 300 alumnos do ensino primario os que participarán este ano en Ponteciencia, ao tempo que o ensino secundario desenvolverá un total de 13 investigacións distintas.
Como gran novidade para este 2024, o programa contará cunha nova modalidade de participación no concurso de proxectos científicos de Pontenciencia orientada ao alumnado do Programa de Maiores do Campus de Pontevedra da Uvigo.
O concurso de proxectos botará a andar, como vén sendo habitual, na Feira de Pontenciencia entre o 3 e o 4 de maio, o que supón dúas xornadas de traballo intenso entre profesorado e alumnado, á hora de amosar o mundo os traballos realizados e afondar na divulgación do mesmo, explicando os procesos e a teoría aplicada.
Ao longo dos últimos días realizáronse as correspondentes xuntanzas informativas para o profesorado así como os primeiros obradoiros sobre o método científico para o alumnado. Este venres, 26 de xaneiro, o CIFP Montecelo acolleu até catro obradoiros, mentres que o vindeiro mércores 31, o CEIP Froebel acollerá outros dous.
A relación de centros de ensino primario que participarán este ano son CEIP San Martiño, CPR P Sagrado Corazón de Pontevedra, CEE Pontevedra, CEIP Manuel Vidal Portela, CPR P Sagrado Corazón de Praceres, CEIP Santo André de Xeve, CPR P Calasancio, CEIP P Froebel e CEIP de Ponte Sampaio, e os de secundaria son o CIFP A Xunqueira, o IES Luís Seoane, o CFEA A Lourizán, o IES Gonzalo Torrente Ballester, o CIFP Montecelo e o CIFP Carlos Oroza.