A Federación de Comercio estrea directiva e proxecto con Iván Iglesias como presidente

Pontevedra
04 de maio 2022

A Federación de Comercio de Pontevedra presentou este mércores o seu novo proxecto, tras a recente elección de Iván Iglesias Domínguez como presidente

A Federación de Comercio de Pontevedra presenta a nova directiva
A Federación de Comercio de Pontevedra presenta a nova directiva / Federación de Comercio de Pontevedra

A Federación de Comercio de Pontevedra presentou este mércores o seu novo proxecto, tras a recente elección de Iván Iglesias Domínguez como presidente.

Iván Iglesias asegurou que teñen un proxecto "amplo e consolidado", que se marca como obxectivos principais o sensibilizar aos consumidores sobre a importancia de apostar polo comercio de proximidade; dar maior visibilidade ao sector cara a novos públicos; facilitar formación e reciclaxe profesional dos comerciantes, especialmente en novas tecnoloxías; e apoiar aos empresarios do sector na revisión dos seus modelos de negocios para adaptalos ás novas demandas e necesidades dos consumidores; entre outros fins.

Ademais, como parte da Federación Galega de Comercio, participan de todas as actuacións que se desenvolven en colaboración coa Xunta de Galicia e outras entidades.

Iván Iglesias fixo un chamamento aos comerciantes "para que superen o medo ao cambio e o individualismo, que se asocien ás organizacións do seu sector, da súa zona, do seu pobo; que trasladen os seus problemas e propoñan iniciativas de cooperación. A Federación de Comercio de Pontevedra faraos seus e apoiaraos para que o comercio de proximidade manteña a súa competitividade".

O acto contou coa presenza do director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia Pérez; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros Arce; o seu homólogo na Federación Galega de Comercio, José María Seijas López; así como de membros da nova directiva.