A familia Paz súmase ás de Bóveda e Caamaño e adhírese á querela arxentina contra os crimes do franquismo

Pontevedra
16 de novembro 2019

O Pazo Provincial foi escenario dun emotivo acto de reparación e dignidade da memoria histórica. As familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e finalmente tamén de Ramiro Paz Carbajal, impresor asesinado o 12 de novembro do 36, asinaron a súa adhesión á querela arxentina contra os crimes do franquismo para esixir que sexa a xustiza a que "poña a verdade enriba da mesa" revogando as condeas e sancionando os seus axustizamentos

A familia Paz súmase á de Bóveda e Caamaño e adhírese á querela arxentina contra os crimes do franquismo
A familia Paz súmase á de Bóveda e Caamaño e adhírese á querela arxentina contra os crimes do franquismo / Deputación de Pontevedra

O Pazo Provincial foi este sábado escenario dun emotivo acto de reparación e dignidade da memoria histórica. As familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e finalmente tamén de Ramiro Paz Carbajal, impresor asesinado o 12 de novembro do 36, asinaron a súa adhesión á querela arxentina contra os crimes do franquismo para esixir que sexa a xustiza a que "poña a verdade enriba da mesa" revogando as condeas e sancionando os seus axustizamentos.

As intervencións das familias Bóveda e Caamaño (a familia Paz preferiu non intervir públicamente) recibiron sendos fortes, prolongados e emocionados aplausos por parte do público que ateigaba o salón de plenos da institución provincial.

O neto de Axelandre Bóveda, Valentín García Bóveda, explicou que a súa familia tomou a decisión de dar o paso e presentar a querela por acompañar á Deputación ao ver que se poñía á fronte da loita contra a impunidade. Explicou que realmente outro dos motivos da adhesión á querela foi porque se fixo no edificio do Pazo Provincial, onde se xulgou a tanta xente.

Tamén sinalou que o 15 de novembro se constituíu o Consello da Galiza en Bos Aires, "ese goberno no exilio que nos representaba e que, se hoxe estivera presentes, seguro que nos dicían que era convinte apoiar a querela arxentina" e sinalou que hoxe é o Día de Celebración do Patrimonio Cultural e a memoria colectiva é un patrimonio cultural.

"Moitas das fendas que temos hoxe na memoria son porque bebemos dun patrimonio cultural falseado", dixo García Bóveda, para engadir que a memoria colectiva e a memoria da identidade dun pobo é patrimonio cultural, cuestión protexida como dereitos básicos no artigo 44 da Constitución Española, "que estes que se din tan constitucionalistas incumplen taxativamente cando deixan de financiar políticas de memoria ou cando nos negan o dereito a esa recuperación".

"Moitas das fendas que temos hoxe na memoria son porque bebemos dun patrimonio cultural falseado", dixo Valentín García Bóveda

Pola súa banda, Amalia Bóveda, filla do galeguista, manifestouse "agradecida sempre, por lograr facer que nesta xeira na que estamos de búsqueda de xustiza, me sinta cada día máis acompañada, polo cal cada día máis forte".

"Agradecida por permitir iniciar este novo camiño, eiquí. Eiquí onde meu pai tanto traballou pola Deputación, pola república, polo estatuto e pola democracia. Onde tamén defendeu iso ata que foi detido, tamén eiquí. E eiquí volta preso, ata que eiquí -de novo- é falsamente xulgado e inxustamente condeado. Eiquí, o futuro nos foi roubado, e eiquí o presente comeza a reclamalo", subliñou.

Pola súa banda, Begoña Caamaño, neta do ex presidente da Deputación fusilado o 12 de novembro do 36, quixo reivindicar no acto e coa sinatura de hoxe a anulación das sentenzas por traizón á patria "dunhas persoas cuxo único delito consistiu en manterse fieis á legalidade e opoñerse a un levantamento militar contra un goberno elixido nas eleccións democráticas".

Caamaño afeou que ningún goberno na democracia actual tivo a valentía e a dignidade de anular as sentenzas, "e chegamos a este punto tras unha transición considerada modélica en moitos aspectos, pero que permitiu que o franquismo quedase incrustado na sociedade e na administración pública española, pasando páxina dunha ditadura a unha democracia na que moitos dos seus actores mantivéronse nos seus postos con só un cambio de papel e un lavado de cara".

Engadiu, duramente, que "esta é unha democracia que adoleceu de non saber contar a verdadeira historia de España no século XX no seu tráxico periodo do golpe militar e os longos anos de guerra civil e ditadura que seguiron. A ensinanza desta parte da historia á mocidade que naceron en democracia foi case nula e por suposto moi opaca". Xa para terminar, argumentou que como di o refrán, "daqueles polvos veñen estes lodos" e proba delo sinalou "a situación política na que nos encontramos na actualidade, co rexurdimento da extrema dereita que temos nete país".

"Papá, avoa Matilde, tías, isto vai por vós", rematou.

Na súa intervención, a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, sinalou que é fundamental que sexa un xuíz o que recoñeza formalmente que as condeas que un día sufriron as vítimas, que os asasinatos, que as torturas, que as depuracións de boa parte do pobo galego polas súas ideas, "foron realmente crimes contra a humanidade".

A nacionalista lembrou que o salón de plenos da Deputación foi no seu tempo o lugar onde se xulgou e se condeou a morte, por razón de traizón á patria "a persoas que, pola contra, só defendían un incipiente autogoberno para Galiza, a democracia e o goberno lexítimo da República", e engadiu que a pouco máis dun quilómetro, na Caeira, executáronse os asasinatos Bóveda, Caamaño e Paz, entre outros.

Ortega criticou que a día de hoxe aínda non é posible encarar de maneira global a represión e facer xustiza e reparar ás vítimas xa que é preciso agardar os pronunciamentos sobre os crimes do franquismo dun xulgado arxentino ou de tribunais internacionais. "Os xulgados españois vetan sistemáticamente todos os procesos que se presentan. Por iso non queda máis que seguir facendo presión, dende as institucións comprometidas, dende a sociedade civil, dende os colectivos memorialistas… enchendo de querelas os xulgados, facendo do derito á xustiza e á verdade o centro do debate", dixo.