Os cidadáns de Pontevedra volveron saír á rúa este venres para arroupar á familia de Sonia Iglesias con motivo do oitavo aniversario da desaparición da moza o 18 de agosto de 2010. Como xa é habitual desde hai anos, unha multitude acudiu á convocatoria dos achegados da desaparecida para realizar unha pequena manifestación polas rúas do centro da cidade.
A familia quixo dar as grazas a todos os presentes e, en nome de todos os achegados, a súa irmá, Maricarmen Iglesias, leu un comunicado no que asegurou que tras este convulso ano no que a causa se reabriu no xulgado e volveu arquivarse de novo -xa van dúas veces, seguen esperanzados. Teñen esperanza porque "agora temos a certeza de que a xustiza e as forzas de seguridade tampouco se deron por vencidas".
Esta reapertura e a información de que tanto a Fiscalía de Pontevedra como un equipo específico da Policía Nacional seguen investigando o caso fanlles confiar en que "máis tarde ou máis cedo, chamaremos polo seu nome e apelidos ao culpable ou os culpables da cruel desaparición de Sonia". Ademais, están seguros de que poderán mencionar ese nome "sen temor a represalias, a vinganzas, a violencia psicolóxica…".
Baixo o lema 'Oito anos sen Sonia' e lembrando "Todos somos Sonia", os asistentes á manifestación partiron da praza da Ferrería e percorreron a Peregrina, Benito Corbal, Daniel de la Sota, Castelao, Sagasta, Joaquín Costa, Blanco Porto e Benito Corbal, para terminar de novo no punto de partida.
Como todos os meses de agosto do últimos oito anos, os pontevedreses fixeron saber aos Iglesias Eirín que non están sós no recordo da desaparecida. Para todos eles tivo unhas fermosas palabras Maricarmen Iglesias, pois asegurou que "se hai algo que aínda nos fai esbozar un sorriso de agradecemento nestes oito anos sodes vós".
"Acompañástesnos, sempre, de forma incondicional, en cada unha das concentracións, mostrándonos o voso apoio para que o caso de Sonia non se esqueza", lembrou a irmá de Sonia Iglesias, que tamén deu as grazas ao apoio recibido por parte dos medios de comunicación e asegurou que para a familia "sería o dobre de doloroso darse conta de que o paso do tempo borrou nos demais a pegada do noso ser querido, pero isto é algo que nunca pasou con Sonia".
A familia lembrou que "quen? por que? como?" son preguntas que seguen no aire, pero mostrouse convencida de que "cada vez se estreita máis o cerco" e de que "está preto" o día en que teñan as respostas.
O rexistro xudicial realizado o pasado mes de febreiro na casa de Xullo Araújo, ex parella de Sonia, en San Mauro renovou as nosas esperanzas e aínda que o caso arquivouse por segunda vez, indican "quen pode estar seguro de que non se abra unha terceira? O culpable, desde logo, non. Sabe que o observan de preto e que calquera paso en falso pode levar a unha nova pista que reabra de novo o caso".