A familia de 'Lupe' Jiménez pedirá que o seu marido sexa condenado por asasinato con aleivosía

Vilaboa
29 de maio 2014

A Sociedade Xitana de Galicia sinala que "posiblemente" o caso se xulgará en Pontevedra tras inhibirse un xulgado de Lugo nun da provincia. A falecida levaba catro meses residindo na casa da súa familia en Figueirido (Vilaboa) e o día anterior a que aparecese o seu cadáver nas proximidades de Lavacolla a súa irmá presentara unha denuncia pola súa desaparición na Comandancia da Garda Civil dePontevedra

Vivenda de Figueirido na que residía María Luisa Jiménez coa súa irmá
Vivenda de Figueirido na que residía María Luisa Jiménez coa súa irmá / Mónica Patxot

A familia de María Luisa Jiménez Jiménez, coñecida como 'Lupe', pedirá que a morte desta muller a mans presuntamente do seu marido sexa cualificada como dous asasinatos con aleivosía, posto que no momento do crime estaba embarazada. Pedirá o xuíz que impoña 25 anos de prisión por cada un destes delitos ao único imputado, José Luis Cortiñas Romero, co que levaba 23 anos casada e tiña seis fillos en común.

Os datos achegounos este xoves o voceiro da Sociedade Xitana de Galicia, Sinaí Giménez Jiménez, que indicou que"posiblemente" o crime será derivado dende o Xulgado de Instrución número 3 de Lugo que asumiu a instrución do procedemento a un xulgado pontevedrés nos próximos días.

A familia e a Sociedade Xitana de Galicia solicitaron varias veces que o caso sexa xulgado en Pontevedra porque a falecida levaba catro meses residindo na casa da súa familia en Figueirido (Vilaboa) cando foi supostamente asasinada e porque o día anterior a que aparecese o seu cadáver nas proximidades de Lavacolla a súa irmá presentara unha denuncia pola súa desaparición na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra despois de supostamente ela fose secuestrada do domicilio familiar polo seu marido.

Sinaí Giménez e a filla 'coraxe' da falecida, María Jiménez, puxeron en marcha unha campaña pública de condena do crime na que se reuniron con representantes de diversas administracións públicas de Galicia e dos ámbitos político e xudicial para solicitar formalmente que a causa se xulgue en Pontevedra. Agora confían en que "tal solicitude poderá ser aceptada nos próximos días". A Sociedade Xitana de Galicia dá por feito que o xulgado lucense se inhibirá nunha sala pontevedresa, pero esta circunstancia non puido ser confirmada por fontes oficiais.

No caso están comparecidos ata o momento a familia da vítima como acusación particular (que asumirá o avogado Víctor Bouzas), a Fiscalía, a Xunta de Galicia e a asociación Clara Campoamor.

A acusación solicitará ademais da condena a prisión que ao acusado se lle impoña unha orde de afastamento do territorio galego por 25 anos unha vez que saia de prisión, ademais dunha "indemnización importante" para os seis orfos de 'Lupe' Jiménez, cinco deles menores de idade que agora están a cargo da súa familia materna en Figueirido. A súa familia foi desterrada das provincias de Pontevedra e A Coruña