A falta de médicos no PAC provoca un Pleno Extraordinario no Concello de Caldas de Reis

Umia
08 de novembro 2022

O Concello de Caldas de Reis celebrou este martes un Pleno Extraordinario Urxente para tratar a continua falta de médicos no Centro de Saúde e Punto de Atención Continuada (PAC) de Caldas ao longo do último ano

Nota informativa no PAC de Caldas de Reis
Nota informativa no PAC de Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis celebrou este martes un Pleno Extraordinario Urxente para tratar a continua falta de médicos no Centro de Saúde e Punto de Atención Continuada (PAC) de Caldas ao longo do último ano.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, considera que esta situación "é un bochorno e demostra o fracaso absoluto da política de saúde do Partido Popular na Xunta de Galicia, cun investimento claramente insuficiente en atención primaria e na contratación de persoal sanitario".

Para o alcalde "a saúde é un dereito innegociable e non unha mercadoría como a considera o Partido Popular favorecendo á sanidade privada". Juan Manuel Rey asegura que as "políticas de recortes continuos e de precariedade laboral" aplicadas polos gobernos do Partido Popular "levaron á situación actual nos centros de atención primaria, e agora estao pagando toda a cidadanía, pero a máis vulnerable con maior gravidade".

O BNG CHAMA A "ENCHER AS RÚAS"

Ante a "deterioración" da asistencia sanitaria no concello de Caldas de Reis, o portavoz local do BNG, Manuel Fariña, chamou a "encher as rúas" o vindeiro domingo 20 de novembro participando na manifestación que percorrerá o centro urbano do municipio e finalizará ás portas do Centro de Saúde.

Fariña denuncia que "a atención sanitaria en Caldas vai de mal a peor", despois de que este luns e este domingo o PAC queda sen persoal facultativo, deixando a veciñanza "sen unha atención médica digna e de calidade". 

"O que pasou este domingo xa non é unha excepción e pasou a converterse en algo habitual, derivando pacientes cara as urxencias de Montecelo e aumentando así o colapso dese servizo", afirma o portavoz nacionalista.

O servizo de Pediatría conta na actualidade só cunha pediatra para atender as crianzas dos concellos de Caldas, Cuntis, Moraña e Portas, "cando só o concello de Caldas precisaría de dous pediatras". Ademais, sinala que as baixas e as vacacións dos médicos de familia continúan sen cubrirse, incrementando o tempo de espera para conseguir unha cita e provocando que os pacientes acudan ao servizo de urxencia co seu consecuente colapso.

"Esta situación de ataques continuos á sanidade pública non se pode consentir por máis tempo", conclúe Manuel Fariña.