A falta de médicos en cinco PAC da área sanitaria satura os servizos de urxencias

Pontevedra
16 de xullo 2022

Nesta fin de semana con toda Galicia en festas, os Puntos de Atención Continuada (PAC) de Bueu, O Grove, Vilagarcía e Cambados quedáronse esta fin de semana sen médicos. Mentres que os PAC da Parda (Pontevedra) e Baltar (Sanxenxo), Marín, Caldas e Cerdedo quedáronse cun só facultativo

Sala de agarda dun PAC
Sala de agarda dun PAC / Xunta de Galicia
A directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés /

Nesta fin de semana con toda Galicia en festas, os Puntos de Atención Continuada (PAC) de Bueu, O Grove, Vilagarcía e Cambados quedáronse esta fin de semana sen médicos. Mentres que os PAC da Parda (Pontevedra) e Baltar (Sanxenxo), Marín, Caldas e Cerdedo quedáronse cun só facultativo. 

Esta circunstancia obriga a derivar aos pacientes aos xa saturados servizos de urxencias do Hospital Montecelo e do comarcal do Salnés.

Como consecuencia, segundo o sindicato médico CESM, no hospital de Montecelo había este sábado pola mañá 33 pacientes pendentes de cama, e esta noite atendéronse 204 emerxencias. Mentres lembran que medicina interna 1 e medicina interna 3 están pechadas polos axustes estivais da área sanitaria.

En canto ao hospital do Salnés esta noite atendeu 118. 

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo apuntou que o "Centro de Saúde de Baltar leva funcionando unha semana con só o 50% do persoal de enfermería, dado que faltan catro que non foron substituídas ( 3 de baixa e 1 de vacacións)". Afirman que "o persoal que queda está a vivir un auténtico horror, xa que tentan suplir como poden o traballo extra do restante".

E a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo lembra que onte en Marín só no recinto do concerto da Gala Xacobeas había 8.000 persoas polo que sinala que "hai que ser moi insensibles para non darse conta da gravidade da situación e non escoitar o clamor veciñal" polo que se pregunta "que pasará cando haxa unha desgraza?".

A directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Sonia Fernández-Arruti informou que nalgúns PAC "prestouse asistencia unicamente con persoal de enfermería debido ás baixas que por diversas causas levou a que non houbese médicos".

Segundo asegurou Fernández-Arruti "no resto dos PAC desenvolven a súa actividade de forma normal e os profesionais están a apoiar a cobertura destas ausencias na medida das súas posibilidades". 

"Tanto a dirección como os profesionais estamos a facer todo o posible por minimizar estas situación", recalcou a directora asistencial da área sanitaria.

En concreto Sonia Fernández-Arruti detallou que "esta situación prodúcese polo incremento nas últimas horas de ausencias imprevistas por diversas causas, o que fixo que non puidese haber presenza de médico". 

Estas incidencias tiveron lugar nos PAC de Bueu e O Grove onde de catro médicos están operativos só dous. No PAC de Vilagarcía con seis ausencias "foi imposible dar cobertura cun médico xa que dos dous médicos que quedan unha saíu de garda e a outra entra ao día seguinte". 

No PAC de Baltar, tamén con baixa e vacacións, queda sen médico en quenda de noite. No PAC de Cambados a médico que estaba no seu posto de traballo tivo que abandonalo tras producirse unha situación grave nun familiar directo. Esta situación foi comunicada a ambos os servizos de urxencias hospitalarias. 

Finalmente a directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sinalou que "de todas estas incidencias tivo coñecemento o 061 co fin de, en caso necesario, prestar o seu apoio para o traslado de pacientes que puidesen necesitalo. A pesar disto os demais PAC da área manteñen a súa actividade sen incidencias e os seus profesionais dan todo o apoio recesando para garantir a asistencia os nosos pacientes".