A falta de materias primas, unha crise de carácter internacional, obrigou a paralizar as obras de reforma da estación de autobuses de Pontevedra xusto o día no que entrou en funcionamento o novo acceso a este recinto desde a avenida de Josefina Arruti.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asistiu este mércores a posta en servizo deste novo vial nun acto no que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta, Luis López; o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro; e os concelleiros César Mosquera e Demetrio Gómez.
Ethel Vázquez destacou o novo acceso á estación de autobuses como a "peza clave da intermodal de Pontevedra" e avanza que o vindeiro outubro estará concluído o novo espazo público, "de grande valor ambiental", arredor do río Gafos.
Con todo, no mellor dos casos, á reforma interior do edificio aínda lle faltarían dous meses de obras unha vez que se poida retomar o traballo. O alcalde de Pontevedra restoulle importancia a esta demora e destacou que "o importante" é que as administracións cheguen a acordos para facer proxectos, como aconteceu neste caso.
Vázquez Mourelle salientou que a posta en servizo do acceso desde a avenida de Josefina Arruti libera o tránsito de autobuses da rúa Estación e mellora o itinerario peonil de conexión coa estación de tren.
Este acceso contribúe a xerar unha gran praza na entrada da estación, na que se reordenan os aparcamentos e desde a que se accede á terminal de Renfe. Ademáis esta apertura permite liberar os marcos do encauzamento do río Gafos e destapalo, gañando un espazo público de valor ambiental para a cidade.
GRAN MONTECELO
Ethel vázquez aclarou que esta falta de materias primas non está a afectar ás obras de construcción do hospital Gran Montecelo.
A conselleira detallou que esta obra inicia este mes os traballos de cimentación e que tamén haberá algunhas voladuras de rocha atopada no terreo. Ademáis haberá que desviar unha conducción de gas que atravesa o terreo da obra.
Segundo confirmou a conselleira de Infraestruturas a actuación avanza sen contratempos e nos prazos establecidos.