A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación cumple 25 anos

Pontevedra
07 de outubro 2019

Un cuarto de século despois o centro do campus pontevedrés rememora o camiño feito nun acto institucional que se celebrou este luns a mediodía abrindo a semana grande desta conmemoración

Conmemoración do 25 aniversario da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
Conmemoración do 25 aniversario da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación / Cristina Saiz

Cúmprense 25 anos desde que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación comezou a súa andaina nas instalacións do antigo Fogar provincial da rúa Sierra.

Un cuarto de século despois o centro do campus pontevedrés rememora o camiño feito nun acto institucional que se celebrou este luns a mediodía abrindo a semana grande desta conmemoración.

Foi un acto que estivo presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e no que participaron oito dos decanos cos que contou o centro nestes 25 anos Alberto Pena, Xaime Fandiño, Xulio Pardellas, Fortunato Rodríguez, Daniel Martí, Juan Manuel Corbacho, Celso Cancela e Emma Torres.

Tamén se lle impuxo a insignia da facultade ao catedrático emérito da Universidad Complutense de Madrid Enrique Bustamante.

Na súa intervención, Reigosa definiu á facultade como unha "pedra angular dentro do Campus Crea", un proxecto de especialización que fai de Pontevedra "un campus atractivo" como amosa "que haxa máis alumnos que se matriculan en primeiro que prazas dispoñibles" para estudantes de novo ingreso no conxunto dos graos.

"No futuro esperamos que se poidan incorporar tamén novas titulacións que redunden nunha maior sinerxía entre facultades", engadiu Reigosa, ao tempo que incidiu en que, antes da futura apertura das negociacións dun novo mapa de titulacións, podería comezar a traballarse "na idea dos dobres graos", un traballo "susceptible de facer", lembrou coas tres titulacións de Ciencias Sociais e da Comunicación.