Deseñar unha aplicación web que permita automatizar o proceso de detección de informacións falsas e, máis en concreto, que permita verificar se as afirmacións realizadas polos políticos e políticas participantes nun debate electoral son certas ou non. Este é o principal obxectivo do proxecto DEBATrue, que, co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, coordinan os investigadores do grupo CP2, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto.
Segundo informa o Diario da Unversidade de Vigo, un total de 20 investigadores de diferentes ámbitos integran o equipo de traballo dunha iniciativa dirixida a contribuír, como sinalan os seus responsables, á "loita contra a desinformación", a través da identificación de "boatos ou datos falsos que poidan desvirtuar a calidade democrática e alterar o normal desenvolvemento do proceso electoral".
Nese senso, como recolle a memoria dun proxecto que se desenvolverá ata 2023, o seu propósito é tratar de sumar aos "actuais procesos manuais" de verificación unha aplicación dixital que automatice parte dese proceso, contribuíndo a que "se acelere a comprobación e verificación da información" e poidan rebaterse, "antes de que se viralicen", as posibles afirmacións falsas ou inexactas realizadas no transcurso dun debate electoral, coa idea tamén de que esta ferramenta poida logo empregarse para a verificación de información noutros ámbitos.
O proxecto reúne expertos das universidades de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Málaga, Sevilla e Granada e abrangue a aplicación de "técnicas e ferramentas de aprendizaxe automático ou machine learning" aos procesos de verificación de datos, así como a creación "dun bot de análise conversacional e medición da actividade e impacto en Twitter" dos debates televisivos.
A través destas ferramentas, buscarase tratar de "automatizar ou semiautomatizar este proceso de verificación de datos", explica Rúas.
Baseado no "uso de tecnoloxía blockchain", tratarase dun "sistema de verificación de información aberto e descentralizado, creado sobre principios de gobernanza éticos e transparentes" e sustentado en datos de acceso aberto. Deste xeito, como recolle a memoria, proxéctase que esta ferramenta en liña permita non só coñecer que informacións son verdadeiras, falsas, incertas ou inexactas, senón poder tamén acceder "á fonte orixinal ou proba de veracidade", como serían as bases de datos que xustificarían a exactitude ou inexactitude da afirmación.
Con eses obxectivos, DEBATrue reúne "expertos no desenvolvemento de aplicacións informáticas, en minería de datos en redes sociais e modelos de confianza e reputación, así como no ámbito da ciberseguridade e as conspiracións", recolle a súa memoria.
Así, xunto a Rúas e Fernández Souto, forman parte do proxecto os investigadores da UVigo Manuel Pérez Cota, Montse Vázquez, Iván Puentes, Yolanda Blanco, Andrés Mazaira, Mónica Valderrama, Talía Rodríguez e Julia Fontenla; xunto cos docentes da UDC Laura Milagros Castro, David Cabrero, Natalia Quintas, José Ángel Holgado e José Manuel Lage; aos que se suman os investigadores Francisco Javier Paniagua, da Universidad de Málaga; Concepción Pérez, da Universidad de Sevilla; Paulo Carlos López, da USC; Alejandro Romero, da Universidad de Granada; e o coronel Ángel Gómez, experto en análise xeopolítica.