A exposición "As nosas senlleiras", organizada polo departamento provincial de Cultura e Lingua e a Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra, foi inaugurada este venres na Casa de Cultura Castelao de Moraña polos deputados Eva Vilaverde e Xosé Leal xunto coa alcaldesa María Luisa Piñeiro.
A mostra, que se poderá visitar ata o vindeiro día 20 deste mes, pretende poñer en valor o importante patrimonio natural da provincia.
A deputada Eva Vilaverde asegurou que as árbores senlleiras da provincia "son un exemplo do espectacular patrimonio natural de Galiza que hai que poñer en valor".
A deputada responsable da EFA manifestou que é fundamental poñer en valor estas "reliquias botánicas" dende as administracións, amosando a súas características singulares de xeito visual e didáctico. Neste sentido, explicou que a EFA, centro de investigación en materia forestal e agraria dependente da Deputación, realiza periodicamente traballos sobre o estado destas árbores e participou na coordinación técnica da exposición, ao tempo que facilitou o material botánico.
A mostra recolle 35 árbores senlleiras catalogadas na provincia de Pontevedra e está composta por paneis ilustrativos coa súa imaxe actual e unha pequena ficha de cada unha delas.
A mostra "As nosas senlleiras", de carácter itinerante pola provincia, comezou en setembro en Lalín e, despois de estar en Moraña ata o 20 de outubro, poderá verse en Fornelos de Montes, A Lama e Vilaboa.