Esta semana podería despexarse xa a incógnita sobre cal é a única empresa que mostrou interese nas salas de cine de Vialia despois de que a súa anterior adxudicataria, Ábaco Cinebox, deixase as instalacións en xuño. Tan só unha firma presentou unha oferta para quedar coa explotación e, segundo anunciou este fin de semana a ministra de Fomento, Ana Pastor, "esperamos que esta semana se abra la oferta".
Unha vez que se abra a oferta presentada, poderá coñecerse o nome, pois cando se pechou o prazo de presentación Adif asegurou que non podería desvelalo. Si se sabe xa que será unha das grandes exhibidoras nacionais, porque esa era unha das condicións do prego deste concurso.
Se a oferta cumpre coas condicións esixidas, poñerase a rodar o proceso para que poida empezar a traballar canto antes. Ana Pastor asegurou que "antes de que termine el mes puede estar ya adjudicado". Unha vez designada á empresa, "será ya el adjudicatario el que tome decisiones" sobre a preparación das salas para o seu funcionamento e fixe a data de apertura, pois finalmente a anterior adxudicataria desmantelou as oito salas e será necesario volver dotalas de equipamento.
A ministra de Fomento concretou que aínda que non lle compete directamente esta adxudicación, dende o seu departamento "hemos intentado por todos los medios que se hiciese muy rápido la adjudicación", pois, como pontevedresa, entende a importancia de que a cidade non se quede sen cines e de toda a actividade "paralela" que arrastra. "Después del cine, cenamos o compramos palomitas",, indicou ao respecto.
Malia o matizado por Ana Pastor, si era unha competencia que correspondía a Fomento, pois o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) propietario das instalacións de Vialia é unha empresa pública dependente deste ministerio.
Por outra parte, ao longo deste luns celebrarase unha reunión dos ex traballadores de Ábaco Cinebox en Vialia para analizar a posibilidade de que se conte coa súa experiencia á hora de reabrir os cines. Ao ter pechado as instalacións antes da nova adxudicación do servizo complícase a subrogación dos seus contratos, pero eles anuncian que seguirán loitando por defender os 15 postos de traballo que tiña Ábaco antes do peche.
SEN CINES, POLO MENOS, ATA OUTONO
O importe mínimo de licitación é de 1.440.000 euros sen IVE, cunha renda mínima anual garantida de 72.000 euros tamén sen IVE, que se incrementará a partir do segundo ano co IPC. ÿ dicir, 6.000 euros ao mes de aluguer. A estas cifras habería que sumar os 58.000 euros de gastos de comunidade do centro comercial Vialia e os máis de 10.000 euros de IBI. Independentemente, por suposto, do investimento necesario para habilitar de novo as salas.
Na adxudicación, que sería por un prazo de 20 anos, tamén se terán en conta requisitos técnicos, xa que Adif pedía información sobre o equipamiento e distribución que se quere dar a estes cines reclamando datos, por exemplo, sobre si as salas contarán con 3D, butacas vibrantes ou con HFR (formato con máis velocidade de grabación e proxección).
Non será pois, no mellor dos casos, ata outono cando Pontevedra poida poñer fin á ausencia de salas de cine, xa que o concurso establece un prazo máximo de catro meses para iniciar a actividade a partir da entrega do local. Quedouse sen elas o pasado 2 de xuño, día na que as oito salas que Ábaco Cinebox tiña en Pontevedra emitiron as súas últimas películas. Co peche quedaron sen traballo, ademais, 15 persoas.